Bueu xa conta con Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais
Por Redacción
O Concello de Bueu xa ten Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais (PAM). O documento aprobouse de forma definitiva este luns 6 de febreiro durante o Pleno da Corporación.
O plan tivo os votos a favor de toda a corporación e o concelleiro de medio ambiente, Xosé Leal, explicou que facilitará o traballo do persoal técnico municipal para xestionar as faixas forestais e as notificacións á veciñanza, e agora poderán estudar a adhesión a un convenio con Medio Rural.
Coa axuda deste documento, o Concello poderá notificar e ordenar ás persoas propietarias dos terreos forestais próximos aos núcleos de poboación para que os manteñan en condicións de limpeza, co fin de evitar o risco de incendios tal e como se establece na Lei 3/2007, de 9 de abril, de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais en Galicia.
Tamén será un instrumento válido para que se poida ordenar e executar de forma subsidiaria a xestión de biomasa e a retirada de especies arbóreas nesas contornas, ademais de guiar os traballos a levar a cabo nos terreos de titularidade municipal.
O Pleno comezou este luns cun minuto de silencio por Beatriz Lijó Gesteira, a muller asinada en Baiona vítima de violencia machista na tarde do domingo, un crime polo que está detido o seu ex marido, Ángel Rodríguez da Costa.
A sesión durou arredor de tres horas e nela os grupos de goberno de BNG e ACB presentaron unha moción para instar á Xunta de Galicia á sinatura dun convenio de colaboración para a reforma integral do Pavillón Municipal de Beluso, un proxecto que está valorado en máis de 1,5 millóns de euros. A proposta contou, entón, cos votos a favor de BNG e ACB, en contra do PSOE e a abstención do PP.
Cunha votación idéntica (a favor de BNG e ACB, en contra do PSOE e a abstención do PP) debateuse unha moción para instar á Xunta de Galicia a asumir o financiamento do proxecto de renovación integral dos servizos de abastecemento e saneamento na rúa Pazos Fontenla.
Tamén se debateu unha moción do PP contra a violencia machista e para o fomento da igualdade, na que o grupo da oposición solicitaba instar ao Goberno do Estado, á Xunta de Galicia, á Deputación de Pontevedra e ao Concello de Bueu a avaliar as medidas de igualdade e en contra da violencia de xénero. A proposta contou cos votos favorables de BNG, ACB, PP, mentres que ACB se manifestou en contra.
A moción de BNG e ACB tamén presentou unha moción para lograr o apoio ao manifesto da sanidade elaborado en Pontevedra polas alcaldías e grupos municipais da área sanitaria Pontevedra e O Salnés e para a mobilización xunto a SOS Sanidade Pública.
O Concello apoiará a manifestación do domingo en Compostela, polo que pon a disposición da cidadanía interesada autobuses para asistir de balde, para o que se poderá realizar previamente a inscrición no segundo andar do Concello ou no teléfono 673256450. A proposta contou cos votos a favor de BNG, ACB e PSOE, mentres que o PP se abstivo.
Relacionadas:
-
Piden que se investigue a "posible desatención médica" a un mozo falecido en Cerdedo
Por Oskar Viéitez |
-
Concentración ante a Audiencia o mércores para rexeitar o asasinato machista de Baiona
Por Natalia Puga |
-
Xa se poden presentar alegacións ao plan de actuación contra o risco de incendios forestais de Bueu
Por Redacción |