Xa se poden presentar alegacións ao plan de actuación contra o risco de incendios forestais de Bueu
Por Redacción
O Concello de Bueu abre o prazo de exposición pública do plan de actuación contra o risco de incendios forestais, ante o que a cidadanía disporá de 20 días hábiles para consultas ou alegacións.
O plan, que foi elaborado polo enxeñeiro técnico Manuel Peixoto Torres, poderá consultarse na páxina web do Concello de Bueu ou de forma presencial no departamento de Urbanismo e Medio Ambiente.
Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente, salienta que "en canto estea aprobado definitivamente, entraremos no convenio coa Xunta de Galicia, que nos dará amparo ante as numerosas instancias que presenta a veciñanza pola proliferación de especies arbóreas próximas ás súas vivendas e que supoñen un gran perigo".
Estruturado en cinco puntos, a aprobación definitiva deste plan permitirá que, tras máis de dous anos de trámite, o Concello poida notificar e ordenar ás persoas propietarias dos terreos forestais próximos aos núcleos de poboación para que os manteñan en condicións de limpeza, co fin de evitar o risco de incendios tal e como se establece na Lei 3/2007, de 9 de abril, de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais en Galicia.
Así mesmo, o goberno local agarda que sexa un instrumento válido para que se poida ordenar e executar de forma subsidiaria a xestión de biomasa e a retirada de especies arbóreas nesas contornas, ademais de guiar os traballos a levar a cabo nos terreos de titularidade municipal.
En canto ao documento, a primeira das partes estuda o municipio e as redes secundarias de xestión de biomasa; o segundo analiza o risco existente para cada unha das áreas afectadas e define os elementos vulnerables (colexios, parques industriais, infraestruturas críticas...); o terceiro define os niveis de activación do plan segundo a perigosidade; o cuarto organiza ás persoas responsables municipais en grupos de traballo; e, por último, o quinto establece as normas xerais de actuación para cada responsable do grupo.
Relacionadas:
-
Bueu xa conta con Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais
Por Redacción |
-
VIDEO.- Incendio nun barco bateeiro en Bueu
Por Oskar Viéitez |
-
Xunta e Deputación aproban o paso ao modelo de xestión directa nos catro parques comarcais de bombeiros da provincia
Por Redacción |
-
Un raio provoca un incendio forestal na Illa de Ons
Por Manu Otero | Creada e actualizada