Denuncian que a escola infantil da Parda "está caendo a cachos" e que a situación "cada vez vai a peor"
Por Alejandro Espiño
"Escola en ruínas. Nenos en perigo". Así de contundentes mostráronse este venres unha vintena de pais e nais de nenos e nenas de 0 a 3 anos da escola infantil da Parda, ante unhas instalacións que, segundo denuncian, "están caendo a cachos".
Minutos despois de deixar aos seus fillos no centro, os proxenitores protagonizaron unha concentración de protesta ante a escola "para que nos escoiten e nos empecen a dar solucións", explicou a PontevedraViva Iria Méndez, portavoz dos manifestantes.
"Nenos tan pequenos como os nosos por si mesmo non se van a poñer a protestar así que nos toca aos país facelo", sostén esta moza, nai dun dos nenos matriculados nesta escola, que denuncia que as condicións do inmoble "cada vez van a peor".
Así, os pais enumeraron as numerosas deficiencias que presenta este edificio, construído no ano 2011 e con capacidade para uns 120 nenos, que segundo Méndez ten unha estrutura "que non é moi válida" para cubrir as necesidades dos seus alumnos.
Aseguran que o pavimento do patio, habilitado en cemento, non é o adecuado para nenos tan pequenos "porque cando caen se queiman e algún mesmo tivo que ir a urxencias" e lamentan que non haxa unha zona exterior de sombra que poidan usar cando aperta a calor.
Ademais, os pais sosteñen que a caldeira "non funciona ben e hai días que non arranca", o que provoca que no interior da escola haxa días con temperaturas de 13 graos; ou que hai chans levantados, impedindo que os máis pequenos teñan espazo para gatear.
A iso suman a existencia duns terreos, que o Concello cedeu tras a apertura do centro "que están sen legalizar", segundo Iria Méndez, polo que a inspección educativa non permite que poida ser utilizada para maior confort do alumnado e do seu profesorado.
"Os problemas día a día van a máis e ninguén lle pon solución", asegura esta nai, que afirma que a dirección da escola xa puxo todas estas deficiencias en coñecemento do xestor das instalacións, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dependente da Xunta.
Con todo, este organismo encárgase unicamente da xestión do persoal e das obras novas que se realicen na escola, pero o mantemento das instalacións depende do Concello, con quen estes pais xa se reuniron en varias ocasións.
"Sempre nos atenden moi amables pero non recibimos ningunha solución", subliña a portavoz destes pais, que afirma que o goberno municipal ten consignados uns 60.000 euros para solucionar algunhas destas deficiencias "pero non sabemos cando van ser as obras".
A este respecto, o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, defendeu que o Concello, nestes últimos meses, xa realizou obras de urxencia nestas instalacións, entre outras cousas, para arranxar a caldeira, pero advirte que moitos dos seus problemas "son estruturais".
"Os únicos que estamos a dar a cara somos nós", explica o edil socialista, que lamenta que desde o consorcio autonómico "están a botar balóns fóra a ver que pasa", cando o Concello debe encargarse unicamente do seu mantemento e "non de obras maiores" como sería a mellora do seu illamento térmico.
Avanzou ademais que a tarima que se levanta será reparada a próxima semana, aínda que informou de que primeiro haberá que realizar "pequenas perforacións" para comprobar se existe un problema de humidades e localizar a súa posible orixe.
Os técnicos municipais, mentres tanto, ultiman un proxecto para abordar unha serie de actuacións demandadas pola comunidade educativa desta escola infantil. "Os cartos xa están e o proxecto está a punto", asegura ou representante municipal.
Confía en poder presentarllo ao colexio e ao ANPA en próximas semanas. Incluirá, entre outras actuacións, ocultar o chan de cemento con outro tipo de material ou a creación dunha zona de patio con sombra que, ademais, evitará que o sol faga "efecto invernadoiro" no centro.
Marcos Rey entende que "por sentido común" estas obras deberían realizarse en agosto cando os nenos non están na escola, xa que sería "incómodo" para eles a presenza dos operarios e, ademais, "mesmo por temas de seguridade igual non nolo permiten".
O CONSORCIO SINALA AO CONCELLO
Desde o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, pola súa banda, lembra que é o Concello, como titular do inmoble, o responsable do mantemento da escola infantil "e, por tanto, de dar resposta ás deficiencias sobre as que advirten as familias".
Así se recolle no convenio asinado entre ambas as partes para a xestión da escola, que se mantén a pesar de estar vencido. Aseguran desde a Xunta que "a pesar de que se lle enviaron os novos, o Concello non os aprobaron aínda".
En varias ocasións, segundo este organismo, o consorcio fíxose eco das queixas dos pais e requiriu ao Concello que solucione as deficiencias detectadas. A última delas, en abril de 2022, para que planificase as actuacións no verán, "pero non fixeron nada".
A este respecto, desde o consorcio ofrecen todo o apoio técnico que poida precisar a administración municipal para executar estas actuacións, pero lembran que "a contratación, execución e investimento nos traballos deberán correr a cargo do Concello".