Comezan os traballos de reposición da tarima da escola infantil da Parda
Por Redacción
Tal e como avanzou o socialista Marcos Rey a pasada semana, a tarima do chan radiante da escola infantil da Parda xa está sendo arranxada.
Segundo indicou o socialista, os traballos que se están realizando son de reposición da tarima, afectada polas humidades e mesmo levantadas (formando ocos) en diversas zonas do pasillo e a aula de bebés, e un estudo para detectar as humidades de maior calado e profundidade, procedentes do chan, e así coñecer o seu alcance.
Tamén as realizarán na zona externa da escola para interferir o menos posible na actividade educativa e para evitar perforacións que poidan afectar a algunha tubaría do solo radiante.
A empresa que executa os traballos de substitución da tarima indicou que "o mal estado do chan débese substancialmente ás filtracións acumuladas no pasado, cando se tivo que realizar unha intervención no tellado do centro para acabar coas pingueiras, xa que a tarima colocada é de moi alta calidade".
No caso da caldeira que, segundo denunciaron os pais e nais "non funciona ben e hai días que non arranca", o concelleiro verificou persoalmente este xoves pola tarde o seu correcto funcionamento, constatando tamén "a subsanación do problema que existía nos paneis solares que permiten dispoñer de auga quente".
Asegura Rey que, "en menos de 15 días, demos resposta a todas as intervencións urxentes que nos solicitou a comunidade educativa e unha vez que dispoñamos do proxecto para mellorar o patio exterior do centro e dotalo de zonas de sombra (o Concello dispón dunha achega económica de 60.000 euros para acometer esta actuación), quedarei coa dirección alí mesmo para explicarllo e recoller as súas impresións".
Unha vez máis, o concelleiro de Benestar Social lamentou que a Xunta "quede de brazos cruzados sen facer absolutamente nada, cando os problemas estruturais que presenta a Galiña Azul da Parda son absolutamente evidentes". É un edificio inaugurado en 2011 que sufriu graves filtracións a través do tellado, as humidades levantaron a tarima e no interior se alcanzaron temperaturas de 13 graos.
"Non hai que ser un experto para saber que se nun edificio fai máis frío dentro que fóra cando non vai a calefacción e a choiva penetra polo tellado, o illamento non é precisamente exemplar. Se isto acontecese na vivenda privada dalgún dos responsables do consorcio, estou convencido de que non terían dúbidas de que existen problemas estruturais", apuntou o socialista.
Neste sentido, Rey criticou a actuación "incompetente da Xunta, eludindo as súas competencias, e evadindo as súas responsabilidades, limitándose a sinalar co dedo as deficiencias que xa todos coñecemos. Coido que deberían pasar un pouco máis polo centro, xa que a ANPA tamén solicitou a súa colaboración. Uns nenos tan pequenos non poden estar nunhas instalacións con humidades. Todos debemos arrimar o ombreiro".
Relacionadas:
-
Iniciadas as obras de sostemento da Escola Infantil da Parda
Por Redacción |
-
Familias da escola infantil da Parda colocan teas para dar sombra ao patio
Por Redacción |
-
Denuncian que a escola infantil da Parda "está caendo a cachos" e que a situación "cada vez vai a peor"
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello reparará a cuberta da escola infantil da Parda para acabar coas pingueiras
Por Redacción |