Familias da escola infantil da Parda colocan teas para dar sombra ao patio
Por Redacción
As deficiencias no mantemento da escola infantil da Parda seguen sen estar solucionados. Así o denuncian as familias da ANPA do centro, que fartas desta situación e do que consideran que é "pasividade" das administracións decidiron poñerse mans á obra.
Decidiron mercar e colocar unhas teas no patio da escola para que para que os nenos e as nenas de 0-3 anos "poidan ter un anaco de sombra donde xogar e non teñan que pasar oito horas metidos en unha aula ou nun patio que alcanza os 39 graos con risco de insolación", subliñan.
As familias recordan que en maio de 2022 aprobouse no pleno municipal unha partida de 60.000 euros para acometer obras urxentes, entre elas o cambio do pavimento do patio ou unha solución á falta de sombra.
Tras un anuncio de que estes traballos se farían este mes de agosto, nada máis souberon, polo que aseguran que a súa indignación "é máxima".
A estas alturas, sinalan desde a ANPA, só recibiron un email donde se indica que nos vindeiros días procederase ao cepillado e reparación solo de madeira, ao peche dos elementos de ventilación da fachada e á colocación de elementos de protección nas portas.