Comezan as obras nas vías perimetrais de Barcelos, que durarán un ano
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
Este luns 16 de xaneiro empezaron as obras de reforma de Barcelos.
Desde primeira hora da mañá empezou o valado de toda a zona afectada pola reforma que, basicamente, céntrase na renovación dos viais perimetrais.
A obra arrinca polo cruzamento entre a praza e a Rúa do Rouco. Xa se anulou o paso de peóns. Por agora non se contemplan cambios no tráfico. Aínda que máis adiante, nunha segunda fase, si será necesario cortar a Rúa do Rouco.
A empresa pontevedresa EC Casas executará estes traballos que se prolongarán durante un ano.
A obra foi adxudicada por 1,9 millóns de euros para renovar todos os servizos subterráneos e dicir adeus á calzada de lastra, que dará paso ao asfalto desde Perfecto Feijóo ata a Rúa do Rouco, unha superficie de 7.768 metros cadrados. Cun tratamento diferenciado fronte ao colexio de Barcelos.
O Concello de Pontevedra pretende con este cambio mellorar o tránsito e reordenar o aparcamento, ampliando as beirarrúas nas marxes da praza para favorecer a actividade comercial e facilitar a instalación de terrazas.
A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, comentou que esta obra é "unha das máis importantes do Concello" e que xa se abordou esta primeira fase con algúns comerciantes e hostaleiros da zona, así como coa dirección do Colexio Praza de Barcelos coa "intención de interferir o menos posible" aínda sendo conscientes de que calquera obra causa molestias.
Anabel Gulías anunciou que a intención do Concello é instalar uns paneis informativos que expliquen o proxecto, incluíndo tamén algunhas notas sobre a historia deste enclave urbano.
A portavoz do goberno local tamén apuntou que se deixa para o verán, ao finalizar o curso lectivo, o traslado do transformador eléctrico.
Relacionadas:
-
Instalan o caixón que permitirá retirar o transformador de Fenosa do colexio de Barcelos
Por Redacción |
-
O avance das obras en Barcelos deixará desde o luns un único carril de circulación na praza
Por Alejandro Espiño |
-
A reforma das vías perimetrais de Barcelos entra na segunda fase
Por Redacción |
-
Pontevedra proba en Barcelos tubaxes de PVC recicladas, máis respectuosas ambientalmente
Por Alejandro Espiño |
-
Pospoñen o inicio da reforma de Barcelos ao 16 de xaneiro para evitar a campaña de Nadal
Por Alejandro Espiño |
-
A reforma das vías perimetrais de Barcelos, nas mans dunha empresa de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Seis empresas rivalizan para facerse coa reforma do viario perimetral de Barcelos
Por Oskar Viéitez |