Pontevedra proba en Barcelos tubaxes de PVC recicladas, máis respectuosas ambientalmente

Por Alejandro Espiño

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
As obras que se están a executar nas vías perimetrais da Praza de Barcelos están a servir para probar na cidade un material que non fora empregado antes. Trátase dunhas tubaxes de PVC "máis respectuosas ambientalmente", segundo o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez.
Estas estruturas, deseñadas para canalizar as augas, están elaboradas cun 60% de materiais reciclados. Como é un material de recente creación "está saíndo a un moi bo prezo", destacou o responsable municipal, tendo en conta que "seguro subirá nos vindeiros tempos".
"É interesante comezar a usar este tipo de materiais, sobre todo para seguir afondando na nosa relación co ambiente e, neste caso, conseguimos mellorar unha parte da obra que normalmente levaba materiais pouco respectuosos co medio ambiente", engadiu o edil.
As tubaxes de PVC recicladas teñen, sostivo Demetrio Gómez, "todas as garantías e todas as certificacións para poder ser utilizado". Coa súa instalación comezaron estas obras que, segundo consta no proxecto, durarán preto dun ano.
Os traballos, afirmou o concelleiro nacionalista, van "dentro do prazo" previsto, a pesar das chuvias da primeira semana de execución.
Unha vez remate esta primeira fase, a obra continuará o seu curso, mantendo sempre o aparcadoiro soterrado de Barcelos en funcionamento e respectando as necesidades comerciais dos establecementos da zona, procurando provocar o menor número de molestias posibles.
As obras de reforma das vías perimetrais de Barcelos, que teñen un orzamento de 1,9 millóns de euros, prevén mudar por completo o anel exterior da praza.
Relacionadas:
-
A reforma das vías perimetrais de Barcelos entra na segunda fase
Por Redacción |
-
Comezan as obras nas vías perimetrais de Barcelos, que durarán un ano
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma das vías perimetrais de Barcelos, nas mans dunha empresa de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Os dous millóns para remodelar o perímetro da Praza de Barcelos sairán da Deputación
Por Redacción |