O servizo de Emerxencias e Protección Civil de Cuntis atendeu 327 incidencias no 2022
Por Redacción
O Servizo de Emerxencias do Concello de Cuntis e Protección Civil participaron durante o ano 2022 en 327 operativos de diversa índole, colaborando ademáis en actuacións en localidades limítrofes, como Portas, Caldas ou Moraña.
Estas cifras, que reflexan as incidencias rexistradas a través do CIAE 112, vense incrementadas pola atención prestada á veciñanza cando esta demanda directamente o apoio do persoal deste Servizo. Esta agrupación reforzou ademais a atención prestada polo Grupo de Emerxencias Supramunicipais de A Estrada e a subsede de Vilagarcía de Arousa do Parque de Bombeiros Comarcais do Salnés.
Destaca tamén a estreita colaboración con Medio Rural nos operativos de incendios forestais o que fai que os meses de maior concentración laboral deste Servizo sexan os de verán, especialmente o de agosto a causa da programación lúdica e cultural organizada polo Concello e que require de actuacións específicas de control e seguridade.
O balance deste ano arroxa como datos curiosos o descenso de operativos para desfacerse de niños de velutina, só 3, que agora se derivan xa ao centro xestor específico para este tema e o incremento de atencións á presencia de animais, vivos e mortos, abandonados nas rúas, que pasaron de 10 no ano 2021 a 30 casos neste pasado exercicio. Chamadas de veciños alertando dun animal, habitualmente cans, polas rúas leva aos efectivos deste Servizo a recollelo e facerse cargo del ata que chega a empresa coa que o Concello ten conveniada esta atención.
A porcentaxe máis alta das incidencias atendidas, cun total de 119, corresponde aos operativos locais nos que se engloban preventivos ante festividades, probas deportivas ou colaboración con entidades municipais, así como aqueles de atención sociosanitaria, que implican traslados de pacientes a hospitais ou a súa recollida despois dunha alta médica. Ata en 9 ocasións foron requeridos os voluntarios locais para este tipo de tarefas.
Os accidentes de tráfico marcaron 65 actuacións. Existen dúas zonas no ámbito de actuación do Servizo Municipal de Cuntis que concentran o maior índice de siniestrabilidade. Unha delas é a N-640, no tramo coñecido como “curvas de Castroloureiro”, especialmente perigoso debido á concentración de arborado que propicia a presenza de auga no asfalto e o outro é un tramo da EP-8401, que rexistra curvas pronunciadas e que é utilizado por tráfico pesado.
A maiores dos accidentes de tráfico o Servizo Municipal participou en 24 incidencias de circulación, operativos realizados en estradas municipais, provinciais ou estatais para eliminar perigos existentes, como ramas de árbores caídas, verquidos de vehículos ou outra circunstancia que poña en perigo a seguridade viaria.
Cabe recordar que o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil conta cunha aportación municipal de 5.000 euros anuais que a Xunta de Galicia reforza a través de Vicepresidencia cunha achega de 2.224 euros.
“Este é un departamento esencial para Cuntis xa que aporta un plus de seguridade para toda a veciñanza. A súa resposta inmediata ante calquer incidencia supón unha gran tranquilidade, como xa se ten demostrado en varias ocasións”, apunta o alcalde Manuel Campos.
Relacionadas:
-
As curvas de Castroloureiro e de Portela, un ano máis, puntos negros da circulación en Cuntis
Por Natalia Puga |
-
Morre un corzo nun brutal impacto cunha furgoneta dunha panadería en Cuntis
Por Redacción |
-
Tres voluntarios de Protección Civil quedan atrapados e Cuntis acode na súa axuda co alcalde á fronte
Por Natalia Puga |
-
Cuntis pide á Xunta unha maior dotación económica e de material para o Servizo de Emerxencias e Protección Civil
Por Oskar Viéitez |