Rescatadores rescatados: tres voluntarios de Protección Civil quedan atrapados e Cuntis acode na súa axuda co alcalde á fronte
Por Natalia Puga
Os rescatadores rescatados. Isto é o que lle sucedeu na tarde deste venres a tres voluntarios da agrupación de Protección Civil de Portas, que quedaron atrapados no seu vehículo cando regresaban dunha intervención e tiveron que pedir axuda aos seus homólogos de Cuntis.
Os voluntarios de Portas regresaban á base dunha actuación de arranxo do repetidor situado no monte Xesteiras, desviáronse da pista forestal pola que circulaban e o seu vehículo quedou atrancado nunha pendente pronunciada e nunha situación que impedía a saída do coche dos tres ocupantes.
Eles mesmos alertaron á base de Cuntis, agrupación coa que colaboran en diversas actuacións, informándolles de que se encontraban ben, sen feridas, pero que lles era imposible saín do vehículo.
Segundo a información facilitada por Emerxencias de Cuntis, eran as 18.20 horas da tarde do venres e, despois de avisar ao 112, puxeron en marcha un operativo de rescate no que pediron a axuda do alcalde, Manuel Campos, "debido a seu exhaustivo coñecemento do monte", xa que a saída de vía forestal produciuse nun lugar pouco frecuentado, de difícil acceso e con cobertura deficiente.
Ademáis de efectivos e un todoterreo equipado con diversa ferramenta, Protección Civil desprazou neste operativo un tractor do Concello de Cuntis.
Protección Civil de Cuntis tardou unha hora en localizar o lugar exacto no que estaba o vehículo debido á escuridade da noite e ao lugar illado no que se atopaba.
Unha vez localizado, o rescate tardou unha hora e media nun momento de moi baixas temperaturas e escuridade.
O alcalde de Cuntis valorou que "ao final todo saíu ben e non hai máis que danos materiais, pero pasamos nervios porque localizar o sitio exacto fíxose complicado".
Manuel Campos é afeccionado ao sendeirismo e percorre os montes da contorna a diario. Ese coñecemento detallado do terreo foi imprescindible para encontrar con certa axilidade o vehículo accidentado. "Coñezo moi ben o monte Xesteiras e aínda así custou atopalos porque é un sitio de difícil acceso e o tempo fíxose moi longo", explicou.