Reivindicación dun novo proxecto para Pescadoira a 14 graos de temperatura
Por Redacción
A Asociación ecoloxista de Bueu Anduxía móstrase satisfeita polo apoio recibido este venres 6 de xaneiro nun novo acto reivindicativo para demandar a rexeneración da praia Pescadoira.
Unhas cantas persoas atrevidas decidiron lanzarse á auga cunha temperatura de 14 graos, mentres que outros tan só molláronse os pés. O acto contou cunha degustación final de chocolate quente, que os bañistas agradeceron tras saír das frías augas de Pescadoira.
O colectivo reclama este ano a elaboración dun novo proxecto de rexeneración para o areal. A anterior proposta, consistente nun dique oblicuo semi mergullado, foi rexeitado por Portos de Galicia despois de que Costas do Estado informase desfavorablemente sobre esta iniciativa.
Trátase dun proxecto que tamén contaba con algunha oposición dentro desta asociación en relación ao desmantelamento parcial do actual dique do peirao de Atilio, que corresponde á primeira fase de rexeneración da praia acometida en 2009. Os responsables de Anduxía entendían que esta acción corría o risco de causar efectos negativos sobre a zona recuperada da praia.
Lembran que a praia sufriu graves danos pola "desafortunada prolongación da dársena de Bueu que Portos de Galicia realizou en 1998". O colectivo leva desde 2005 reclamando unha rexeneración deste espazo natural.
A segunda fase da intervención, que demanda, céntrase na zona oeste da praia, cara á antiga Casa do Mar, xa que na actualidade permanece máis danada.
Relacionadas:
-
Anduxía advirte da ilegalidade na que incorre Portos de Galicia ao seguir co recheo da praia de Banda do Río
Por Redacción |
-
Volve o baño de Reis pola rexeneración da praia de Pescadoira
Por Redacción |
-
A Asociación Anduxía recrimina as rozas "excesivas" en Cabo Udra
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Baño frío para reclamar a rexeneración da praia da Pescadoira
Por Redacción |
-
Bueu vaise mollar para reivindicar a rexeneración da praia de Pescadoira
Por Redacción |