Volve o baño de Reis pola rexeneración da praia de Pescadoira
Por Redacción
Este venres 6 ás 12.00 horas, a praia de Pescadoira, en Bueu, recibirá un ano máis aos bañistas convocados pola Asociación ecoloxista de Bueu Anduxía. Retómase así unha proposta reivindicativa que se suspendeu durante os dous últimos anos debido á pandemia.
O mergullo realízase desde 2013 coa intención de esixir a Portos de Galicia a realización da segunda fase de rexeneración deste areal. O colectivo ecoloxista lamenta o atraso por esta actuación e critica a ampla documentación solicitada por Costas do Estado a Portos de Galicia para levar a cabo o proxecto.
Lembran, ademais, que Costas do Estado é responsable da actual situación da praia de Pescadoira debido á autorización en 1995 da ampliación do espigón do Porto de Bueu, unha intervención que causou danos "evidentes" sobre o areal, segundo os responsables de Anduxía.
O colectivo apoia o proxecto actual de estabilización, que contempla a creación dun dique oblicuo semimergullado, de arredor de 60 metros de lonxitude. Vai espallarse desde o antigo peirao de Attilio. Anduxía presentou, en todo caso, alegacións parciais no seu momento a este proxecto ao considerar innecesaria a desmontaxe parcial do dique actual porque pode poñer en risco a estabilidade da parte leste de Pescadoira.
Este venres insistirán nas súas reivindicacións e convidan a toda a cidadanía a participar na novena edición do xa tradicional baño de Reyes, aínda que só sexa mollándose os pés. As persoas que asistan poderán degustar chocolate quente e rosca.
Relacionadas:
-
Anduxía advirte da ilegalidade na que incorre Portos de Galicia ao seguir co recheo da praia de Banda do Río
Por Redacción |
-
Reivindicación dun novo proxecto para Pescadoira a 14 graos de temperatura
Por Redacción |
-
Ecoloxistas piden medidas para acabar cos cheiros a alcatrán na praia de Portomaior
Por Redacción |
-
Anduxia estuda denunciar ante a Unión Europea a falta de instalación na depuradora do filtro que garante a desinfección das augas
Por Redacción |
-
Alertan dunha posible perda de area na praia de Pescadoira se Portos de Galicia desmonta o espigón
Por Redacción |
-
Baño frío para reclamar a rexeneración da praia da Pescadoira
Por Redacción |