O BNG reclama unha auditoría sobre a seguridade viaria na N-541 para acabar cos accidentes
Por Redacción
O deputado nacionalista Luís Bará fixo este venres unha valoración da situación da estrada nacional N-541 e da cobertura das emerxencias na zona para anunciar iniciativas no Parlamento e nos concellos sobre estes temas, sobre os que o BNG leva anos chamando a atención con mocións nos concellos, enmendas aos orzamentos tanto do Estado como da Xunta e propostas no Congreso e no Parlamento galego.
Segundo Bará, "o tráxico accidente do autobús en Pedre, que segou a vida de sete persoas, volveu poñer de relevo os problemas de seguridade viaria na estrada N-541 así como a deficiente cobertura das emerxencias nesta zona". Por iso, desde o BNG queren poñer de relevo unha serie de feitos que son coñecidos desde hai tempo e que xa foron denunciados en reiteradas ocasións.
En primeiro lugar, falan do mal estado da estrada N-541 entre Soutelo e Pontevedra e da necesidade dunha mellora integral do firme. En segundo lugar, alertan de defiencias no enlace entre a N-541 e a estrada de Serrapio, punto quilométrico no que se produciu o accidente. "Trátase dun punto problemático, polo deseño desta conexión, a confusión que xera no tráfico, a deficiente sinalización viaria e a acumulación de auga na calzada", detallan.
Finalmente, esixen un estudo e unha auditoría de seguridade viaria polas deficiencias sinaladas e a reiteración de accidentes con saída de vía.
Do mesmo xeito, os nacionalistas demandan a mellora da cobertura das emerxencias no interior da provincia de Pontevedra. En concellos como os de Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Moraña, Ponte Caldelas e A Lama o tempo de resposta supera a media hora e nalgúns puntos pode chegar a unha hora.
En novembro de 2019 o Parlamento Galego aprobou unha proposición, a instancias do BNG, na que se instaba á Xunta e á Deputación a estudar e acordar unha solución para darlle unha cobertura axeitada ás emerxencias nos citados concellos do interior da provincia. Pasados xa máis de tres anos desde aquel acordo, non se fixo nada ao respecto e a Xunta segue sen revisar o mapa de emerxencias e sen levar a cabo a comarcalización dos parques de bombeiros.
Relacionadas:
-
O BNG adianta seis novos nomes da súa candidatura á alcaldía de Moraña
-
O BNG leva ao Congreso a adopción de medidas urxentes na N-541
Por Oskar Viéitez |
-
Cerdedo-Cotobade xa advertira a Madrid dos problemas de drenaxe e adherencia da N-541
Por Alejandro Espiño |
-
Expertos da Garda Civil traballan xa na reconstrucción do accidente do autobús de Cerdedo
Por Alejandro Espiño |