Un total de 68 pontevedreses recibiron axudas da Xunta para comprar unha bici eléctrica
Por Oskar Viéitez
A Xunta concedeu axudas por importe de 476.000 euros a 952 cidadáns da provincia de Pontevedra para a adquisición de bicicletas eléctricas de pedaleo asistido ao abeiro do programa EBici.
O delegado territorial da Xunta, Luis López, informou do balance desta primeira convocatoria en Moto Bike Pontevedra, un dos 130 establecementos galegos adheridos a esta iniciativa e que, para facilitar o acceso ás axudas, encargáronse da tramitación das mesmas a prol dos usuarios interesados.
"Esta novidosa orde de subvencións foi un auténtico éxito e tivo unha grandísima acollida entre a cidadanía, principalmente da provincia de Pontevedra, que case obtivo o 50% das 2.009 aprobadas en toda Galicia", detallou o representante autonómico.
Na área territorial de Pontevedra, destacaron especialmente as solicitudes aprobadas en Vilagarcía de Arousa (95), a capital provincial (68) e O Grove (40), que se sitúan entre os dez concellos con maior cifra de beneficiarios de toda Galicia.
No que respecta á contorna da cidade de Pontevedra tamén destacan as 17 axudas de Bueu, as 12 de Poio ou as 7 de Marín, mentres que na comarca do Salnés a cifra global dos nove municipios elevouse ata as 222 coa seguinte distribución nos demais concellos: A Illa de Arousa (32), Cambados (24), Ribadumia (9), Vilanova de Arousa (8), Sanxenxo (5), Meis (5) e Meaño (4).
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade conseguiu mobilizar 1,95 millóns de euros con este programa EBici grazas a unha partida dun millón en axudas tras ampliar o crédito inicial polo éxito da convocatoria. Na provincia de Pontevedra estas cifras eleváronse a 953.979 euros en investimentos e 475.987 euros en subvencións autonómicas a prol dos usuarios.
O departamento autonómico xa anunciou que, ante a gran resposta da cidadanía, haberá unha segunda convocatoria desta orde de axudas para adquisición de bicicletas eléctricas de pedaleo asistido o vindeiro ano e, posiblemente, verá a luz no primeiro semestre do exercicio coa mesma partida de 1 millón de euros.
Relacionadas:
-
Os paneis solares reduciron nun 70% o consumo enerxético do Auditorio e do Concello da Illa de Arousa
Por Redacción |
-
Coches, bicicletas e patinetes eléctricos repostarán gratis en Portas
Por Redacción |
-
A Policía Local de Vilagarcía retoma as patrullas en bicicleta por praias e espazos peonís
Por Redacción |
-
O campus pon en marcha un servizo de préstamo de bicicletas
Por Redacción |