O campus pon en marcha un servizo de préstamo de bicicletas
Por Redacción
Co propósito de promover unha mobilidade sostible, contribuír ao aforro enerxético e incentivar prácticas saudables e respectuosas co medio ambiente entre a comunidade universitaria, a Vicerreitoría do campus impulsa un novo sistema de préstamo de bicicletas con dúas modalidades, unha centrada no seu uso diario e outra a longo prazo.
Inserida nas accións do programa Green Campus, esta iniciativa busca contribuír “a promover desprazamentos que non impliquen emisións de CO2”, como explica o director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela.
Con ese obxectivo, a normativa deste servizo comprende dúas modalidades, un préstamo a curto prazo, que permite aos e ás integrantes da comunidade universitaria solicitar unha bicicleta nos diferentes centros para o seu uso no mesmo día, e “outro cunha duración máis prolongada”, orientado principalmente “a estudantes como os Erasmus, que non teñen aquí a súa bicicleta” e poderían pedila en préstamo por un período de varios meses.
Para poñer en marcha esta iniciativa procedeuse á reparación dunha serie de bicicletas que foran doadas anos atrás polo Concello e que xa foran empregadas previamente para o préstamo á comunidade universitaria. Coa idea de fomentar o seu uso, as 12 bicicletas habilitadas para este servizo atópanse distribuídas polos diferentes centros e dependencias do campus.
As solicitudes para a modalidade a curto prazo poden realizarse, coa tarxeta universitaria, nas conserxerías das facultades e escolas, nas que deben devolverse logo as bicicletas no mesmo día. No referido ás solicitudes a longo prazo, estas deben realizarse na sede da Vicerreitoría e os solicitantes deben aboar unha fianza de 30 euros, que lle será reintegrada logo da “devolución da bicicleta en condicións correctas”.
Por outra banda, nesta normativa inclúese tamén o modelo de solicitude para o préstamo de dúas bicicletas eléctricas, emprazadas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e na Vicerreitoría do campus. Neste caso, o seu préstamo limítase só ao uso diario por parte do persoal da Universidade, “co obxectivo de que poida usalas, por exemplo, para os seus desprazamentos entre o campus e o centro da cidade”.
Relacionadas:
-
Dúas parcelas pasan de uso agrícola a zona axardinada para mellorar o acceso á zona educativa da Xunqueira
Por Redacción |
-
Un total de 68 pontevedreses recibiron axudas da Xunta para comprar unha bici eléctrica
Por Oskar Viéitez |
-
Os paxaros que aniñan no campus estrean sete novas caixas niño
Por Redacción |
-
A Uvigo compite nun reto global por lograr unha mobilidade sostible
Por Redacción |
-
As bicicletas son para o verán e para o campus
Por Redacción |