O Concello abrirá nuns días o novo vial da ONCE, entre Luís Braille e a Avenida de Vigo
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores anunciou que o Concello recibirá de maneira provisional o novo vial da ONCE, entre Luís Braille e a Avenida de Vigo, que abrirá nos próximos días, unha vez que os técnicos municipais den a súa conformidade.
As obras da primeira fase da urbanización do ámbito que rodea ao centro de recursos educativos (CRE) da Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) en Pontevedra están pendentes da instalación dos farois e do pintado das prazas de aparcamento. No primeiro caso terá que esperar a que cheguen os farois no mes de febreiro mentres que a choiva condiciona o pintado.
Para non ter que esperar máis o Concello recibirá de maneira provisional esta rúa de nova apertura, que ten un carril de circulación para cada sentido, e que une a actual entrada do colexio Santiago Apóstolo coa parte traseira do IES Torrente Ballester, o que supoñerá unha conexión directa de Campolongo coa avenida de Vigo, San Blas e a zona sur de Salcedo.
Lores expresou a súa satisfacción pola actuación da ONCE neste convenio asinado no seu día co Concello de Pontevedra e valorou positivamente que vaian adiantar a construción dunha rotonda no acceso a este vial que permitirá unha "permeabilización" desta zona sur da cidade.
A rotonda estaba prevista para unha terceira fase, pero a ONCE adiántaa á segunda xunto á construción do vial perimetral que rodeará toda a parcela, comprendida entre as rúas Luís Braille, Santa Lucía e o Camiño das Abilleiras.
Toda esta urbanización permitirá ademais á Organización Nacional de Cegos, que xa está en trámites, impulsar a construción 280 vivendas en diferentes promocións inmobiliarias.
O alcalde repasou as obras que impulsa o Concello na zona, coa reforma do edificio coñecido como Centro Sur, que albergará a residencia para persoas con parálise cerebral de Amencer e un centro de día e de inserción laboral de Cogami, e o pavillón, que dá servizo ao Mace Sport de taekwondo e á Escola Hungaresa de esgrima.
Este novo vial tamén permite darlle entrada ao novo centro de especialidades de Xoán XXIII e ao barrio de San Brais, que agora tiña coñexión coa cidade soamente a través de Carrefour.
O alcalde tamén explicou que na parte baixa da urbanización, a máis próxima a María Victoria Moreno, o Concello xa está en negociacións cos propietarios dun polígono de desenvolvemento urbanístico que permitirá completar o vial perimetral, xa que non está incluído dentro do convenio da ONCE.
Á esperas de coñecer o custe definitivo da primeira fase, a urbanización dos terreos xa supuxeron un investimento de 2,5 millóns de euros e con el "poñemos máis solo no mercado, damos acceso rodado ás infraestruturas da zona, poñemos estacionamentos a disposición e conectamos o barrio de San Brais", concluíu o alcalde.
Fernandez Lores destacou o "comportamento exquisito" da ONCE porque todas as propostas do Concello foron tidas en conta. Logo de renunciar a executar o Centro de Recursos Educativos en Doce de Novembro, o Concello recuperou a parcela que entregou á Xunta para construír a próxima residencia pública da cidade. A ONCE cedeu ao Concello o actual Centro Sur e o Pavillón deportivo e vén de rematar a nova conexión viaria entre San Brais e Urbano Lugrís, cara a avenida de Vigo, e o barrio de Campolongo.
Relacionadas:
-
Abre o vial que comunica Campolongo coa Avenida de Vigo a través dos terreos da ONCE
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
COGAMI logra a inserción laboral de máis da metade de participantes do programa Máis Emprego
Por Redacción |
-
A ONCE saca a licitación por 1,2 millóns a segunda fase da urbanización dos seus terreos en Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
O novo vial entre Luis Braille e a Avenida de Vigo abrirá a finais deste verán
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |