O programa 'O Teu Xacobeo' clausura a súa terceira como "a maior da historia de Galicia"
Por Redacción
A terceira edición do programa 'O Teu Xacobeo' clausurouse este venres tras desenvolver 66 eventos e mobilizar máis de 2 millóns de euros nos concellos da área norte da provincia de Pontevedra.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, cualificou a edición como "a maior da historia de Galicia", e fixo balance das impresións dos representantes de asociacións, clubes, empresas, concellos e artistas participantes.
Nun acto celebrado este venres no albergue de peregrinos de Briallos, no Concello de Portas, reuníronse tamén o alcalde anfitrión, Ricardo Martínez, e unha trintena de representantes das entidades beneficiarias.
"Clausuramos unha iniciativa que, ao longo das súas tres edicións, desestacionalizou e ampliou este histórico dobre ano Xacobeo por toda a provincia de Pontevedra e encheu decenas de concellos con actividades artísticas, patrimoniais, deportivas e sociais nas que o Camiño de Santiago exerceu o nexo de común e configurouse como un elemento de singularidade para Galicia e co que se senten identificados todos os galegos", destacou o representante autonómico.
O programa 'O Teu Xacobeo' levouse a cabo en ata 18 concellos da área provincial do norte de Pontevedra grazas a unhas achegas de Turismo de Galicia que superaron o millón de euros, polo que deron cobertura a case o 50% deste investimento sociocultural. As actividades celebráronse nos municipios de Pontevedra, Sanxenxo, Silleda, Catoira, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, Agolada, Vila de Cruces, Poio, A Cañiza, O Grove, Rodeiro, Lalín, Valga, Ribadumia e Soutomaior.
Luis Lopez destacou a implicación de todas as partes que participaron nestas tres edicións con máis de 2.000 proxectos en Galicia e que "permitiron celebrar moitas actividades vencelladas ao Camiño e moitas delas de pequeno formato para amosar a diversidade cultural e para todas as idades que temos en Galicia e que se apoia, cun papel decisivo, nas rutas xacobeas sobre todo cando temos diante de nós a efeméride dun Ano Santo", manifestou o delegado territorial.
Esta convocatoria sociocultural desenvolveu nas tres edicións ata 193 proxectos na provincia de Pontevedra -incluíndo os municipios da contorna sur en torno á área territorial de Vigo-, e foi a máis grande da historia de Galicia, xa que celebrou case 700 proxectos en 220 concellos de toda a comunidade cunha mobilización de 17 millóns de euros e unhas achegas da Xunta de Galicia que roldaron os 9,5 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Tres de cada catro peregrinos que percorren a Variante Espiritual son estranxeiros
Por Redacción |
-
Poio busca coñecer mellor aos peregrinos para seguir ‘no Bo Camiño’
Por Redacción |
-
A compositora Elsa Muñiz suca cun piano de cola a Ría de Arousa dentro do proxecto O Teu Xacobeo
Por Redacción |
-
Un proxecto didáctico dará a coñecer o Camiño de Santiago e o Museo de Pontevedra entre o alumnado
Por Mónica Patxot |
-
O Camiño Portugués, a ruta xacobea máis feminizada, con máis peregrinas mulleres que homes
Por Natalia Puga |