O Camiño Portugués, a ruta xacobea máis feminizada, con máis peregrinas mulleres que homes
Por Natalia Puga
O Camiño Portugués é o máis feminizado de todos os roteiros xacobeos que levan a Santiago de Compostela. Entre os anos 2013 e 2021, elas foron o 53,96% dos peregrinos. Houbo máis mulleres que homes e, ademais, hóuboos nunha porcentaxe superior a outros itinerarios.
Os datos forman parte un informe elaborado pola Xunta de Galicia sobre o impacto de xénero no Camiño de Santiago que conclúe que "as mulleres son protagonistas no Camiño" e que se terá en conta á hora de elaborar o Plan Camiño 2022-2027 que nestes momentos está a elaborarse de fronte ao próximo Xacobeo.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron as súas principais conclusións este mércores durante unha visita ao albergue Aloxa da rúa Gorgullón de Pontevedra.
"As mulleres séntense máis seguras no Camiño Portugués", concluíu Nava Castro, que sinalou que o pasado xullo unha muller de orixe estadounidense, procedente de Texas, converteuse na peregrina internacional número 100.000 deste ano 2022. Era muller e fixo soa o Camiño Portugués.
En xeral, entre os anos 2013 e 2021, o período estudado neste informe, detectouse unha tendencia ao aumento das mulleres peregrinas en todos os camiños e o ano 2018 xa foi o primeiro en que houbo máis mulleres que homes entre os peregrinos, en concreto, un 50,55% do total.
A tendencia confirmouse en 2019, cun 51,16% de mulleres fronte a un 48,84% de homes e mantense este ano 2022. Durante o primeiro semestre, a Oficina do Peregrino entregou 79.000 Compostela a mulleres e 72.589 a homes e tamén se confirma que cada vez son máis as mulleres que fan o camiño soas.
Todos estes datos facilítoos María Jesús Lorenzana nunha comparecencia ante representantes da Asociación de Albergues Privados de Galicia (Agalber). Integrantes deste colectivo engadiron, ademais, que as mulleres tamén son maioritarias entre os peregrinos de orixe coreana e o 80% das persoas de República Checa que fan o Camiño son mulleres.
Este incremento do número de peregrinas detectado desde 2013 non é estable ao longo de todo o ano e en todos os camiños, senón que, segundo explicou Lorenzana, as mulleres seguen sendo menos nos camiños menos transitados ou en tempada baixa, pois non senten tan seguras.
Entre abril e outubro e en camiños moi concorridos como o Portugués son maioritarias mentres que no inverno os homes son o 60% e en roteiros xacobeos con menos camiñantes como o Camiño Primitivo elas seguen sendo moitas menos.
O Goberno galego aspira a que as mulleres sentan seguras todo o ano e en todos os camiños, de modo que Lorenzana e Castro anunciaron que se traballa para adoptar medidas que garantan que as mulleres teñan "cada vez máis presenza en igualdade de condicións" no Camiño e que sexa "máis seguro e accesible para as mulleres". Informes como este son cruciais para logralo, pois fan unha radiografía que terán en conta para deseñar novos plans de actuación.
Relacionadas:
-
O programa 'O Teu Xacobeo' clausura a súa terceira como "a maior da historia de Galicia"
Por Redacción |
-
Mocidade voluntaria di adeus despois de dous meses atendendo os peregrinos no programa 'Xacobeando'
Por Redacción |
-
398 entidades colaboran coa campaña #NoCaminasSola para garantir a seguridade das peregrinas no Camiño
Por Redacción |
-
Silvia Díaz celebra os bos datos de ocupación hotelera acadados en xullo en Poio
Por Redacción |
-
Un retrato para recoñecer a Tino Lores, o "recuperador oficial" do Camiño Portugués
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
O Camiño Portugués, "a rebordar" de peregrinos con cifras pre pandemia e un xullo de récord
Por Natalia Puga |
-
VÍDEO.- O Camiño Portugués máis inclusivo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |