Aprende con Etiqueta Negra a elaborar tapas creativas e cociña con conservas e de aproveitamento
Por Redacción
A feira do gourmet galego Etiqueta Negra incorpora na súa programación varios obradoiros de formación de 45 minutos de duración dirixidos ao público xeral que axudan a elaborar tapas creativas e cociña con conservas e de aproveitamento
Os talleres, que requiren de inscrición e pago previos, realizaranse durante os dous días centrais da feira no Espazo Etiqueta do recinto feiral, o sábado 12 e o domingo 13 de novembro. Esta sexta edición tamén inclúe programación o luns 14.
O primeiro taller será o sábado 12 de novembro ás 19.00 horas. Estará dedicado á preparación de tapas creativas. Os asistentes terán a oportunidade de crear diferentes tapas con ingredientes sinxelos, primando o sabor, a estética e a orixinalidade. Ademais, amosaranse diferentes opcións para cada unha, facendo un taller moi variado e produtivo, cheo de ideas e alternativas.
O domingo 13 haberá dúas citas. Ás 17.00 horas será a quenda da cociña con conservas. As persoas inscritas aprenderán a cociñar distintas elaboracións cunha conserva como ingrediente principal, que dará como resultado pratos completos e equilibrados que sorprenden e resolven unha comida.
Ás 18.30 horas será o taller centrado na cociña de aproveitamento, para descubrir como darlle una segunda vida ás sobras que nos quedan e facer con elas pratos moi distintos e saborosos.
As receitas serán elaboradas con produtos de temporada e de proximidade, poñendo en valor os recursos da zona sacando o maior proveito e sabor dos ingredientes que se atopan a miúdo nos mercados e na zona, sen recorrer a produtos complicados de atopar polos asistentes.
Os tres cursos serán impartidos por Indo e Vindo, un espazo gastronómico comandado por Rocío Garrido, Coque Fariña e Fran Jamardo, profesionais da cociña con experiencia na realización de eventos, talleres, showcookings, catas, etc., que veñen de crear un espazo físico en Cambados onde seguir ofrecendo formación e eventos gastronómicos, tanto ao público xeral como ao canal Horeca.
Para participar neles, cómpre inscrición e pago previo (15 euros) a través da páxina web etiquetanegragourmet.com. As prazas son limitadas.
Relacionadas:
-
Etiqueta Negra non defrauda cunha alta asistencia de público ao Recinto Feiral
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Etiqueta Negra estrea a súa sexta edición apostando por "promover a innovación, a calidade e tamén a proximidade"
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, abre este sábado as súas portas no Recinto Feiral de Pontevedra
Por Redacción |
-
Etiqueta Negra quenta fogóns cunha maridaxe de produtos galegos con cervexa
Por María José Pita |
-
Pontevedra saca o seu lado máis gourmet coa sexta edición de Etiqueta Negra
Por Alejandro Espiño |
-
Máis de 5.000 asistentes confirman o éxito de Etiqueta Negra no seu regreso
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |