Pontevedra saca o seu lado máis gourmet coa sexta edición de Etiqueta Negra
Por Alejandro Espiño
Etiqueta Negra está de regreso. Pontevedra volverá converterse, entre os días 12 e 14 de novembro, na capital galega dos produtos gourmet. Máis de oitenta produtores reuniranse no Recinto Feiral para exhibir o máis selecto da gastronomía de Galicia.
Todos os expositores, dos cales unha vintena estréanse nesta feira, foron escollidos pola organización pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a maior calidade dos seus produtos.
Así, nas distintas casetas poderanse atopar viños, licores, vermús, cervexas e hidromel, cafés, infusións, marmeladas, galletas, tortas, doces, xeados, castañas, queixos, patés, carnes, caracois, embutidos, xamóns, conservas, legumes, algas, salsas e aderezos, pan ou propostas veganas, así como produtos de quinta gama -pratos preparados-.
Moitas destas propostas poderán degustarse na zona de catas e na vinoteca, dous dos espazos fixos desta feira, xunto á tetería da Deputación de Pontevedra, que divulgará o té galego feito con camelias da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
Etiqueta Negra estará aberta, en horario ininterrompido, o sábado e o domingo de 11.00 a 21.00 horas e o luns, que ademais de estar aberta ao público estará dedicada aos encontros profesionais, ata as oito.
A entrada custa 3 euros por día pero haberá un abono para os tres días por cinco euros.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que este evento, impulsado desde a área municipal de Promoción Económica, sitúa á cidade como a "capital do gourmet e da gastronomía de calidade", acollendo un encontro "de vangarda" no que se demostra que en Galicia "hai potencial".
"Este país ten moito futuro e uns dous sectores máis potentes é o da gastronomía", sinalou.
PROGRAMACIÓN DE ETIQUETA NEGRA
Ademais de mostrar as últimas tendencias e os produtos máis exquisitos do gourmet galego, Etiqueta Negra acollerá diferentes exhibicións de cociña que estarán protagonizadas por Beatriz Sotelo, Lydia do Olmo e Xosé Magalhaes, Fran Sotelino ou Miguel Mosteiro.
Haberá tamén talleres de cociña sobre tapas creativas, cociña con conservas ou cociña de aproveitamento, diversas catas de produtos, degustacións con maridaxe de cervexas ou iniciativas impulsadas polo CIFP Carlos Oroza e a Escola de Hostalería do Salnés.
No caso do centro pontevedrés será unha ilustrativa experiencia de atención ao cliente con diversidade visual. Ata oitenta persoas degustarán diferentes elaboracións cos ollos tapados por uns antefaces coa finalidade de que utilicen todos os sentidos excepto a vista.
Como novidade para amenizar o ambiente, o programa deste ano contará con dúas sesións DJ: unha sesión vespertina con Beti de la Church (sábado ás 19:45 horas) e unha sesión vermú con Señora DJ (domingo ás 13:15 horas).
Relacionadas:
-
Etiqueta Negra non defrauda cunha alta asistencia de público ao Recinto Feiral
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Etiqueta Negra estrea a súa sexta edición apostando por "promover a innovación, a calidade e tamén a proximidade"
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Aprende con Etiqueta Negra a elaborar tapas creativas e cociña con conservas e de aproveitamento
Por Redacción |
-
Etiqueta Negra quenta fogóns cunha maridaxe de produtos galegos con cervexa
Por María José Pita |
-
Máis de 5.000 asistentes confirman o éxito de Etiqueta Negra no seu regreso
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Os sabores gourmet que revolucionan a gastronomía galega
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |