Entrega de 100 composteiros individuais en Sanxenxo coa previsión de instalar tres comunitarios
Por Redacción
Está previsto que nos próximos días se instalen tres novos centros de compostaxe comunitaria en Nantes, Baltar e Sanxenxo, que foron adxudicados por 41.824 euros. Estes tres novos espazos súmanse ao que xa está en marcha no parque do Espiñeiro de Portonovo.
O Concello de Sanxenxo indica que con esta rede de composteiros se quere xestionar a fracción orgánica dos residuos municipais de maneira sostible reducindo a cantidade de residuos orgánicos que se depositan na bolsa de lixo.
Ademais vai iniciarse a repartición de cen composteiros individuais gratuítos que se repartirán entre residentes do municipio que o soliciten na oficina de Medio Ambiente. Juan Deza, concelleiro deste servizo, sinala que xa se entregaron en anteriores campañas un total de 300 composteiros no Concello.
Ademais, o goberno local adxudicou á empresa Hitraf a compra de dúas biotriturados por unha cantidade de 48.689 euros para tratamento de restos de poda. A idea é que se utilicen como material estruturante dos biorresiduos nos composteiros comunitarios.
A intención do Concello é rebaixar nun 40% as emisións de gases efecto invernadoiro en Sanxenxo. Estas intervencións contan co cofinanciamento nun 90% do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia, que financia a Unión Europea a través do programa Next Generation. O Concello asume o 10% e o IVE.
Para a xestión doutros residuos especiais, Sanxenxo dispón dun punto limpo na parroquia de Padriñán e dun sistema de recollida de voluminosos a través do teléfono 638 240 885 (de 9 a 14 horas de luns a venres).
Relacionadas:
-
Os técnicos do Plan Revitaliza supervisarán os composteiros individuais nos domicilios en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Ultiman a colocación dos tres novos composteiros en Baltar, Nantes e Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Melloran a cuberta do punto limpo municipal situado en Padriñán
Por Redacción |
-
Tres novos composteiros comunitarios e dúas biotrituradoras para podas activaranse en Sanxenxo
Por Redacción |
-
A rede de composteiros chega ao colexio de Portonovo
Por Redacción |
-
Sanxenxo traballa na modernización do sistema de recollida de lixo e limpeza viaria
Por Redacción |