Os técnicos do Plan Revitaliza supervisarán os composteiros individuais nos domicilios en Sanxenxo
Por Redacción
Os técnicos en compostaxe realizarán a partir da próxima semana un total de 262 supervisións dos composteiros individuais por domicilio en Sanxenxo. O obxectivo é realizar unha primeira visita, previo contacto telefónico, para corrixir posibles erros no uso e unha segunda, para verificar que se está realizando o tratamento dos residuos orgánicos de forma correcta.
Nestas visitas realizarase unha toma de datos sobre os composteiros, analizarase o seu funcionamento e resolveranse todas as dúbidas ou dificultades que os veciños poidan ter coa finalidade de optimizar ao máximo a utilización dos composteiros. Estas visitas realízanse grazas á colaboración do Plan Revitaliza da Deputación Provincial.
O Concello de Sanxenxo leva anos apostando pola reciclaxe e pola redución de residuos orgánicos. Desde o departamento de Medio Ambiente colocáronse no pasado ano tres novos centros de compostaxe comunitaria en Nantes, Baltar e Sanxenxo. Estes tres novos espazos súmanse ao que xa está en marcha no parque do Espiñeiro de Portonovo. Con esta rede de composteiros quérese xestionar a fracción orgánica dos residuos municipais de maneira sostible reducindo a cantidade de residuos orgánicos que se depositan na bolsa de lixo.
Ademais, aínda están a disposición composteiros individuais gratuítos que se repartirán entre residentes do municipio que o soliciten na oficina de Medio Ambiente. Xa se repartiron un total de 400.
Nas próximas semanas incorporaranse ao departamento de Parques e Xardíns dúas biotrituradoras para tratamento de restos de poda. A idea é que se utilicen como material estructurante dos biorresiduos nos composteiros comunitarios.
A intención do Concello é rebaixar nun 40% as emisións de gases efecto invernadoiro en Sanxenxo. Estas intervencións contan co cofinanciamento nun 90% do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia, que financia a Unión Europea a través do programa Next Generation. Para a xestión doutros residuos especiais, Sanxenxo dispón dun punto limpo na parroquia de Padriñán e dun sistema de recollida de voluminosos a través do teléfono 638 240 885 (de 9 a 14 horas de luns a venres).
Relacionadas:
-
Unha delegación de Brasil e Uruguai visitará Pontevedra para coñecer a experiencia da compostaxe
Por Redacción |
-
O ‘Plan Revitaliza’ vai difundir o seu modelo de xestión de residuos en Madrid, Cáceres e Pamplona
Por Oskar Viéitez |
-
Campaña de seguimento do Plan Revitaliza de máis de 5.300 composteiros individuais
Por Redacción |
-
Ultiman a colocación dos tres novos composteiros en Baltar, Nantes e Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Entrega de 100 composteiros individuais en Sanxenxo coa previsión de instalar tres comunitarios
Por Redacción |
-
Tres novos composteiros comunitarios e dúas biotrituradoras para podas activaranse en Sanxenxo
Por Redacción |