Ultiman a colocación dos tres novos composteiros en Baltar, Nantes e Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Sanxenxo ultima a colocación dos tres novos centros de compostaxe en Nantes, Baltar e Sanxenxo, adxudicados por 41.824 euros, que se sumarán ao que existe actualmente no parque do Espiñeiro en Portonovo.
Coa posta en marcha desta rede de composteiros comunitarios búscase reducir a materia orgánica que se envía a Sogama. O departamento que dirixe Juan Deza prevé deixalos instalados esta mesma semana.
Esta actuación está cofinanciada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation, ao 90%. O Concello deberá asumir o 10% da actuación e o custo do IVE. Dentro da subvención inclúese tamén a adquisición de dúas biotrituradoras por 48.689 euros para tratar os restos de poda e utilizalos como material estructurante dos biorresiduos nos composteiros comunitarios. Con estas dúas actuacións prevese reducir un 40% as emisións de gases efecto invernadoiro no municipio.
CIFRAS DE RESIDUOS
Ata novembro, Sanxenxo contabilizou 10.119 toneladas de restos orgánicos, sendo os meses de xullo, agosto e setembro os de maior recollida deste tipo de residuos. Esta cifra supón un incremento de 279 toneladas respecto a 2021. En canto aos envases, acumuláronse 366 toneladas, 17 toneladas menos que o mesmo período do ano pasado e de papel, 535 toneladas, 3 toneladas menos. En canto ao vidro ata o undécimo mes do ano recolléronse 658 toneladas, 67 toneladas máis que o ano pasado por esas datas. En canto ao tratamento de voluminosos, recolléronse ata novembro 171 toneladas, 10 toneladas máis que no mesmo período de 2021.
Para fomentar e achegar a reciclaxe ás distintas parroquias, o Concello puxo en marcha en 2020 o punto limpo móbil. Con esta incorporación reforzouse a recollida selectiva de residuos que carecen dun sistema convencional para refugalos como baterías de teléfonos, toners, pilas, pequenos electrodomésticos ou algúns envases e residuos sólidos específicos. Para a xestión doutros residuos especiais, Sanxenxo dispón do punto limpo na parroquia de Padriñán e dun sistema de recollida de voluminosos, previa comunicación telefónica: 638 240 885 (de 9 a 14 horas de luns a venres).
Relacionadas:
-
Os técnicos do Plan Revitaliza supervisarán os composteiros individuais nos domicilios en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Entrega de 100 composteiros individuais en Sanxenxo coa previsión de instalar tres comunitarios
Por Redacción |
-
Tres novos composteiros comunitarios e dúas biotrituradoras para podas activaranse en Sanxenxo
Por Redacción |
-
A rede de composteiros chega ao colexio de Portonovo
Por Redacción |