Unha nova sala liquidará os problemas de espazo no multiusos Xosé Raido Patelas de Cuntis
Por Redacción
O goberno local de Cuntis solventará a demanda de máis espazos para o desenvolvemento de actividades culturais e sociais cunha reforma do edificio sociocultural Xosé Raido Patelas que o dotará dunha nova sala multiusos.
O investimento desta obra ronda os 35.000 euros dos que 10.400 son aportados polo Concello con fondos propios, 9.700, pola Deputación de Pontevedra con cargo ao Plan Concellos; e os outros 15.300 serán achegados pola Xunta.
Manuel Campos, alcalde de Cuntis, recoñece que o multiusos rexistrou nos últimos tempos un notable incremento de usuarios resultando insuficientes os espazos existentes.
A coexistencia da Escola de Música e a Escola de Idiomas, xunto con actividades periódicas e outras de celebración puntual obriga a unha coordinación de horarios complexa para dar resposta a toda a demanda.
"A situación derivada da covid-19, que obrigaba a manter unha distancia de seguridade, e a conveniencia de mantela como medida preventiva para preservar a saúde dos participantes nas diferentes actividades fai que ampliar os espazos sexa unha necesidade", explica o rexedor.
Cuntis desenvolve ao longo do ano un intenso programa de actividades culturais, sociais e lúdicas que teñen creado xa un hábito participativo na poboación de diferentes franxas de idade debido á diversificación da oferta deseñada polo Concello.
"Un municipio rural como o noso ten a obriga de ofrecer alternativas de ocio, de formación e tamén de saúde para a poboación máis nova e tamén para a de máis idade, evitando así desprazamentos e garantindo o dereito da veciñanza ao acceso á cultura no seu pobo", di o mandatario socialista.
Campos está convencido de que a dotación dunha nova sala multiusos permitirá a Cuntis seguir crecendo en número de usuarios e con plenas garantías de comodidade e seguridade. "Ter os espazos axeitados é o primeiro paso para fomentar unha vida cultural de calidade entre a poboación de Cuntis", conclúe.
Relacionadas:
-
O alcalde de Cuntis participa en Madrid da Asemblea da Rede Española de Cidades Saudables
Por Redacción |
-
Cuntis reinicia as actividades para promover o envellecemento activo
Por Redacción |
-
"O balcón do val de Cuntis cunha ollada á ría de Arousa"
Por Redacción |
-
'Otero, a bailarina española' represéntase en Cuntis cun debate sobre a artista galega máis famosa de finais do século XIX
Por Redacción |
-
Unha charla no centro Patelas de Cuntis para previr o dano cerebral
Por Redacción |
-
O Concello de Cuntis arranxará os aseos do Centro Sociocultural e Xuvenil Patelas
Por Redacción |