O alcalde de Cuntis participa en Madrid da Asemblea da Rede Española de Cidades Saudables
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, participa en Madrid na Asamblea General da Red Española de Ciudades Saludables (RECS), dependente da FEMP, á que o municipio se adheriu hai xa algúns anos asumindo o compromiso de poñer a saúde e a promoción dos hábitos de vida saúdable como unha prioridade na axenda política local, avanzando así na transformación dos espazos públicos para adaptarse á filosofía de seguridade vial e mobilidade sustentable e deseñando espazos para o goce das persoas.
O goberno local asumiu coa súa adhesión o reto de crear novos entornos que favorezan a saúde, promovendo a utilización dun enfoque humano no desenvolvemento social e priorizando o investimento nas persoas para mellorar a equidade e a inclusión mediante un maior empoderamento da cidadanía.
Na orde do día celebrada este xoves en Madrid estaba a aprobación do convenio para 2023 entre o Ministerio de Sanidade ea FEMP así como as bases que regularán a xestións de cerca de un millón de euros procedentes dos fondos Next Generation para respaldar os proxectos presentados polas administracións asociadas para fomentar vilas saudables.
Forman parte da RECS un total de 367 administracións españolas, entre concellos e deputacións, que representan a 25.546.556 habitantes. Manuel Campos Velay, que acudiu tamén á entrega dos Premios de Calidad xunto á alcaldesa de Guitiriz e vicepresidenta segunda da RECS, Marisol Morandeira, explica que nesta Rede os recursos chegan de forma similar aos pequenos e aos grandes municipios, que teñen acceso a toda a documentación en información a través da web, “o que nos permite a todos acceder en igualdade de condicións”.
No transcurso da asamblea insistiuse nos principios urbanísticos básicos que promove a RECS, así como na continuidade das xornadas e seminarios de formación que permitan ás entidades locais avanzar na liña de actuacións que respondan ás necesidades da poboación como incrementar a práctica de actividade física, mellorar os hábitos alimenticios, mellorar a mobilidade urbana, etc. Actuacións coas que as administracións poden concurrir logo ás convocatorias de premios da RECS.
O goberno local traballa xa na redacción de varios proxectos en favor da promoción de estilos de vida saudables e que presentará a vindeira convocatoria de subvencións que realice a Rede Española de Ciudades Saludables que van na liña de crear infraestruturas para a realización de actividade física ao aire libre, de fomento do uso da bicicleta, a elaboración de rutas seguras e accesibles e de calmado de tráfico no entorno dos centros escolares.
Relacionadas:
-
Novo paso para a residencia da terceira idade de Monte Beiros coa autorización de Carreteras del Estado
Por Redacción |
-
Unha nova sala liquidará os problemas de espazo no multiusos Xosé Raido Patelas de Cuntis
Por Redacción |
-
Máis de medio millón de euros para a transformación urbana da rúa Bernardo Sagasta de Cuntis
Por Redacción |