Os 'deberes' que o alcalde de Pontevedra lle porá a Alfonso Rueda
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal xa ten listo o dossier que remitirá á Xunta de Galicia coas demandas que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, transmitirá ao presidente Alfonso Rueda na reunión que manterán o vindeiro martes.
"Irei con toda a ilusión do mundo e despregarei todos os meus encantos para convencelo de que nos faga caso e colabore activamente con esta cidade que é a súa", asegurou Fernández Lores, que espera que o presidente galego "vexa todos estes temas con cariño".
No encontro entre ambos os dous dirixentes, que se celebrará na delegación territorial da Xunta en Campolongo, estarán tamén, segundo avanzou o rexedor, o delegado do goberno galego na cidade, Luís López, e o edil de Infraestruturas, César Mosquera.
Aínda que Lores lamentou que os antecedes de reunións similares "non son bos", confía en que con Alfonso Rueda sexa posible "chegar a acordos en beneficio de Pontevedra" e, entre outras cousas, convidarao a que faga unha visita oficial ao Concello.
Con respecto aos temas que poñerá sobre a mesa, o alcalde de Pontevedra destacou a necesidade de recuperar o proxecto da variante de Alba. "Foi xa un tema acordado no seu día, un compromiso que a Xunta fixou e que só queremos velo cumprido", sostivo.
Ademais, o rexedor quere realizar un seguimento do convenio para o Gran Montecelo e, especialmente, coñecer os plans da Xunta para o Hospital Provincial, que o Concello suxire destinalo a pacientes crónicos, e para a Casa do Mar de Mollavao.
A dragaxe da ría, actuacións de mellora da seguridade viaria nas estradas PO-542, PO-223 e PO-546 cara a Ponte Caldelas, Campo Lameiro e Marín ou a desafectación das parcelas da Xunta na Xunqueira de Alba serán outros dos asuntos a tratar.
O Concello solicitará tamén ao goberno galego a súa colaboración para o futuro pavillón de ximnasia da Parda ou a rehabilitación do convento de Santa Clara, así como información sobre o futuro do Pazo de Lourizán, agora que a Xunta asumirá a súa xestión.
Por último, Fernández Lores transmitirá o malestar que existe en Pontevedra ante o tratamento informativo que a cidade recibe da TVG, porque "só veñen por desgrazas ou trapalladas e voullo dicir a Rueda á cara, porque non é xusto para os pontevedreses".
"A información que reciben os galegos de Pontevedra é escasa e mala", engadiu o alcalde, que reclamará a reapertura da delegación da radio e televisión pública en Pontevedra "porque é unha tele que pagamos todos" e é a única capital de provincia sen sede.
Relacionadas:
-
Acordo para expropiar unha parcela para os accesos ao futuro pavillón da Parda
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
O ámbito de Sálvora, o lugar elixido para os lodos do dragado do Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
Sanidade trasladará ao Provincial varios servizos de Montecelo cando reforme o hospital actual
Por Alejandro Espiño |
-
A estrada vella de Marín será cedida ao Concello tras a súa reforma integral
Por Alejandro Espiño |
-
A variante de Alba, nun caixón: "Non temos intención de executala", asegura Rueda
Por Alejandro Espiño |
-
Un concurso de ideas definirá o futuro do Pazo de Lourizán, para o que se prevén usos forestales y turísticos
Por Alejandro Espiño |
-
Haberá colaboración da Xunta para rehabilitar Santa Clara: "Non nos queremos quedar fóra"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Domínguez pide a Lores que se "quite la camiseta del BNG y se ponga la de todos los pontevedreses" na súa reunión con Rueda
Por Oskar Viéitez |
-
88 millóns para Pontevedra nos orzamentos da Xunta para 2023
Por Alejandro Espiño |
-
Alfonso Rueda cita a Fernández Lores para o próximo 25 de outubro
Por Alejandro Espiño |