Así serán as novas placas de rúas e prazas do centro histórico
Por Alejandro Espiño
De material porcelánico branco e coas letras en azul. Así será a nova imaxe das placas que identifican as rúas e prazas do centro histórico de Pontevedra. Por este ámbito urbano comezará este proceso de actualización que, a continuación, estenderase a toda a cidade.
En total, segundo o estudo realizado polo Concello, cambiaranse unhas 150 placas na zona monumental. Este traballo, enmarcado no proceso para implantar a nova imaxe corporativa municipal, servirá ademais para "homoxeneizar" a identificación do centro histórico.
Nesta primeira fase, o goberno municipal investirá case 40.000 euros.
O material elixido para estas placas, segundo Anabel Gulías, é resistente ás adversidades climáticas "e nos permite xogar moito coa tipografía". Cada placa levará o nome do lugar, o escudo do Concello e unha referencia á súa antiga denominación, de existir algunha.
Ademais, aproveitarase todo este traballo de substitución e renovación de placas para corrixir os erros detectados no rueiro, especialmente en materia de normalización lingüística, e acabar cos diferentes modelos que existen.
Ao concluír con este proceso, segundo indicou Gulías, comezará un procedemento aínda máis grande, que é o cambio de placas en toda a cidade.
O Concello, apuntou o seu portavoz, está a ultimar un estudo sobre o estado e as necesidades que presentan as placas de avenidas, rúas e prazas de todo o núcleo urbano, incluídos os barrios de Monte Porreiro, O Burgo e Estribela.
Nesta segunda fase adoptarase, con todo, un criterio diferente ao do centro histórico. Manteranse as placas que estean en bo estado e engadiráselles o novo escudo municipal, de forma que todo este cambio póidase realizar cun investimento "razoable".
Aquelas que estean en mal estado ou teñan un material completamente ao que se vai a instalar, serán cambiadas, garantiu Anabel Gulías, que explicou que as placas serán as coñecidas como 'modelo Oporto', unha fundición de aluminio pintada de azul.
Serán idénticas ás instaladas, por exemplo, na Avenida Virxinia Pereira, tras o cambio de denominación que desterrou a Juan Carlos I do rueiro pontevedrés.
Relacionadas:
-
A nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra, finalista dos Premios Paraugas 2022
Por Redacción |
-
Seis monolitos darán a benvida a Pontevedra nas principais entradas á cidade
Por Alejandro Espiño |
-
A implantación da nova identidade corporativa do Concello cambiará o lema da fachada do pavillón municipal
Por Oskar Viéitez |
-
Auga e pedra dan forma á nova imaxe de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |