Seis monolitos darán a benvida a Pontevedra nas principais entradas á cidade
Por Alejandro Espiño
O universo gráfico que creou o goberno municipal coa súa nova imaxe corporativa vai a ampliarse coa instalación de seis monolitos que, a modo de recepción, darán a benvida a Pontevedra nas principais entradas de acceso á cidade.
"Queremos que a xente teña a percepción de que entran nunha cidade diferente, premiada e da que estamos moi orgullosos", sinalou a portavoz municipal, Anabel Gulías.
Serán seis monolitos que, segundo as previsións do Concello, vanse a situar na Avenida de Marín, na rotonda de acceso a Montecelo pola N-541, a rotonda da Ponte da Barca en Paseo de Colón, na Avenida de Vigo, na estrada PO-531 á altura do Vao e na Avenida da Coruña.
O seu deseño estará a cargo dunha vintena de alumnos e alumnas do IES Xunqueira 1, en concreto do segundo curso de Bacharelato de Artes na especialidade de deseño, en colaboración con Cenlitrosmetrocadrado, a responsable da nova imaxe corporativa.
Sairá dun obradoiro que se desenvolverá entre os días 18 e 26 de maio e no que o Concello dará aos participantes total liberdade creativa para deseñar estas estruturas.
Dentro de todo este proceso de cambio de imaxe, estase a traballar na expansión da nova "linguaxe propia" do logotipo municipal, deconstruíndo e obtendo formas xeométricas sinxelas coas que crear unha especie de abecedario básico co que construír estruturas de todo tipo.
O obxectivo é que a veciñanza "sexa quen de identificar e recoñecer" esta imaxe, recollendo os elementos diferenciadores de Pontevedra e que irá aparecendo segundo proceda nos diferentes eidos da comunicación interna e externa do Concello.
Relacionadas:
-
A nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra, finalista dos Premios Paraugas 2022
Por Redacción |
-
Así serán as novas placas de rúas e prazas do centro histórico
Por Alejandro Espiño |
-
Estudantes do IES A Xunqueira I deseñan novos carteis de benvida a Pontevedra
Por Redacción |
-
A implantación da nova identidade corporativa do Concello cambiará o lema da fachada do pavillón municipal
Por Oskar Viéitez |
-
Auga e pedra dan forma á nova imaxe de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |