A implantación da nova identidade corporativa do Concello cambiará o lema da fachada do pavillón municipal
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra aprobou este luns en Xunta de Goberno o primeiro manual de identidade corporativa. É un documento que permite dar as instrucións pertinentes para a colocación do novo imagotipo en todas as súas aplicacións. Xa está colgado na páxina web do Concello para a súa consulta.
A portavoz do goberno, Anabel Gulías, indicou que "máis alá daquela presentación oficial que fixemos para a cidade, agora queda por diante un traballo que temos que facer de xeito rápido e áxil" como é a implantación, que xa se vén facendo desde o día da presentación.
Por unha banda, hai que coordinar o traballo entre Administración Electrónica, Secretaría e Comunicación para a renovación das máis de 5.000 plantillas e todo o material informático de uso interno utilizado nas dependencias do Concello. Aproveitarase para simplificar procesos e para a actualización da comunicación en xeral, con documentos máis sinxelos.
Doutra banda, Gulías confirmou que xa se está a traballar na renovación dos equipamentos físicos. Trátase da rotulación do parque móbil, para o que será licitado un concurso para a actualización dos preto de 60 vehículos cos que conta o Concello e continuar co proceso de dar a coñecer a imaxe en todo o municipio; ademais, tamén se mudará a sinalética e a imaxe nas áreas que conten con maior afluencia da veciñanza dos edificios públicos. Non se mudará, polo momento, a imaxe dos vehículos de emerxencias.
Como curiosidade apreoveitarase para "acometer unha das grandes demandas da cidade neste tipo de cuestións de imaxe" como é a corrección nome que figura na fachada do pavillón municipal dos deportes.
É un movemento que ten certa complexidade, pois unha das opcións estudadas é a colocación dun panel de 65x5 metros, que tería algunhas dificultades técnicas engadidas. Na actualidade, o pavillón municipal ten na súa fachada pintada o seguinte lema "Pabellón Municipal dos Deportes", cunha evidente, sabida e sinalada falta lingüística.
Relacionadas:
-
A nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra, finalista dos Premios Paraugas 2022
Por Redacción |
-
Así serán as novas placas de rúas e prazas do centro histórico
Por Alejandro Espiño |
-
Seis monolitos darán a benvida a Pontevedra nas principais entradas á cidade
Por Alejandro Espiño |
-
Auga e pedra dan forma á nova imaxe de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A empresa Cenlitrosmetrocadrado deseñará a nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra
Por Redacción |