A Oficina da ARI de Caldas tramita máis de 100 axudas a familias para a rehabilitación, adquisición e aluguer de vivendas
Por Redacción
O concelleiro de Medio Ambiente e Obras do Concello de Caldas de Reis, Manuel González, informou este martes dos traballos desenvolvidos nos últimos meses pola Oficina da Área de Rehabilitación Integral (ARI) "que permitiu informar e axudar a máis de 100 familias de Caldas na tramitación de diversas axudas á rehabilitación, mellora da eficiencia enerxética, adquisición e aluguer de vivendas".
As axudas que maior demanda teñen son as de rehabilitación de vivendas no ARI do Camiño de Santiago, sendo xa 30 os expedientes tramitados, que ascenden a uns investimentos por importe total de 300.000 euros, e que optan a unha axuda de 130.000 euros, o que supón unha axuda media por vivenda de 4.300 euros.
Tamén foi tramitada unha nova convocatoria de axudas á rehabilitación dentro do Casco Urbano; neste caso son 17 as familias que optan ás axudas. Dende a Oficina da ARI, dirixida por María Pierres, adiántase que é notable o importe medio das obras, duplicando con creces o de fases anteriores, situándose en preto de 9.000 euros por vivenda.
En canto á compra de vivenda, durante o pasado ano tramitáronse catro expedientes de axudas no casco histórico, tendo sido concedidos tres deles por un importe de 10.800 euros por vivenda adquirida. Neste ano atendeuse a petición doutras cinco familias, fundamentalmente persoas menores de 35 anos. Caldas pertence aos concellos de Reto Demográfico, polo que os mozos de menos de 35 anos poden optar á axuda de 10.800 euros pola compra da súa primeira vivenda no ámbito de todo o concello.
En relación ao Bono Aluguer Xove, tramitáronse máis de dez solicitudes.
En todo caso, a maior parte das citas outorgadas nos últimos catro meses, máis de 35, son para as axudas ás melloras de eficiencia enerxética, fundamentalmente para illamento de fachadas e cubertas, cambio de xanelas e modificación dos sistemas de calefacción. Dende a Oficina da ARI lémbrase á veciñanza a importancia de contar coa axuda de técnicos competentes que avalíen o estado das vivendas e as melloras precisas que permitan acceder ás axudas habilitadas polo Estado.
Finalmente, a Oficina da ARI ten tramitada a inscrición de 46 familias no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, constatando a necesidade de vivenda a un prezo alcanzable en Caldas. O alcalde, Juan Manuel Rey, subliña que "estes datos reforzan a aposta do goberno municipal pola rehabilitación e a estratexia para facilitar a posta a disposición de vivendas de promoción pública, polo que solicitaremos a implicación e axuda do Instituto Galego de Vivenda e Solo".
Relacionadas:
-
Un orzamento de 100.000 euros para rehabilitar e volver sostibles as casas de Caldas
Por Redacción |
-
A oficina da ARI de Caldas de Reis atendeu 350 consultas este ano
Por Redacción |
-
Inauguran as obras de saneamento na Rúa Real
Por Redacción |
-
Convocadas novas subvencións da ARI de Caldas de Reis
Por Redacción |
-
Caldas estuda a demanda de vivenda pública para impulsar novas promocións
Por Redacción |