Inauguran as obras de saneamento na Rúa Real
Por Redacción
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey aseguro que o seu goberno segue a apostar pola "revolución urbana" que, ao seu xuízo, está a supoñer a "total transformación do concello baixo os parámetros da recuperación do espazo público e prioridade para as persoas", coas distintas actuacións que está a desenvolver coa colaboración da Deputación e que este martes visitou xunto á presidenta provincial, Carmela Silva.
En concreto, ambos, xunto a representantes da corporación local, inauguraron as obras de saneamento desenvolvidas na Rúa Real, e visitaron a contorna onde se vai realizar a mellora da área do río Bermaña, enmarcada no ReacPon que está a piques de comezar, así como o Camiño Real, onde tamén se levarán a cabo traballos de saneamento con orzamento do Plan provincial.
Carmela Silva lembrou que as actuacións que a Deputación está a desenvolver cos concellos converten á provincia "na gran referencia galega en recuperación do espazo público para as persoas" e citou que no caso das visitadas hoxe e as proxectadas, suman un ambicioso investimento de 1,5 millóns, dos que a meirande parte son aportados pola institución provincial a través do Plan Concellos e o ReacPon.
Destacou así mesmo a estatua dedicada á peregrina que homenaxeará neste municipio ás persoas que realizan o Camiño Portugués: "É importante que sexa unha muller, porque hai poucas mulleres representando o Camiño, do que Caldas é unha referencia". A obra forma parte das instalacións artísticas de Kaldarte, enmarcadas no festival Cultura Quente que cumpre 25 anos.
No caso do saneamento finalizado na Rúa Real, o investimento foi de máis de 300.000 euros, dos que a Deputación aportou 265.820 euros do Plan Concellos para dar solución aos problemas de filtracións e anegamentos. A obra foi de especial complexidade técnica e comprendeu a instalación de saneamento separativo de augas pluviais e fecais e a renovación da rede de abastecemento municipal, así como a renovación das instalacións rego e a conexión do manancial da Pedreira coa Burga. Amais, dotouse á zona dun novo alumeado público con luminarias LED para aumentar a eficiencia enerxética e o soterramento das liñas aéreas de teléfono e subministro eléctrico en viario público.
Por outra banda, as obras previstas no Camiño Real, nas que se investirán 75.000 euros do Plan Concellos, permitirán a substitución dos servizos de saneamento de augas pluviais e fecais nesta zona, que se completarán coa nova pavimentación da calzada, con lastras de granito gris.
A mellora da área do Río Bermaña, o proxecto que se financiará ao abeiro do Plan Reacpon a piques de iniciar as obras, e supón un investimento total de case 580.000 euros, dos que a Deputación achega preto de 493.000. Suporá a rehabilitación paisaxística integral desta área, moi sensible polos valores naturais, e se mellorará a accesibilidade e seguridade viaria.
Relacionadas:
-
Caldas destina medio millón de euros a mellorar o saneamento na parroquia de Santa María
Por Redacción |
-
A Oficina da ARI de Caldas tramita máis de 100 axudas a familias para a rehabilitación, adquisición e aluguer de vivendas
Por Redacción |
-
Comeza a programación de EmprazArte na praza do Edificio Castelao do Museo
Por Redacción |
-
Adaptan beirarrúas en Caldas para mellorar a accesibilidade
Por Redacción |