Os socialistas critican que a Xunta imparta un curso para mulleres unicamente con profesores homes
Por Oskar Viéitez
A parlamentaria socialista Paloma Castro vén de presentar no Parlamento unha iniciativa logo de coñecer que a Xunta "está a ofrecer un claro exemplo de mansplaining" no curso de formación dixital para mulleres desempregadas do rural impartido en Pontevedra por dous homes. Este feito vai contra o propio sentido do curso, sinala, dirixido a "empoderar ás mulleres" e mellorar as súas capacidades dixitais.
Castro amosou o seu "abraio e desconcerto" por que este curso, que busca favorecer a empregabilidade, impulsar o emprendemento e reducir a fenda de xénero, sexa impartido unicamente por varóns.
Este feito "denota que este Goberno entende a igualdade coma un slogan, sen ter coñecemento nin interiorizar realmente este concepto" polo que o PSOE reclama "un compromiso real coa igualdade de xénero como único motor de avance na nosa sociedade, e na Administración pública en particular".
Paloma Castro sinala que "existen mulleres capacitadas para poder axudar a outras a mellorar as súas capacidades dixitais" e, en nome do seu grupo, esixe que dende a Consellería de Igualdade se apliquen por analoxía as disposicións do III Plan para a Igualdade de Xénero na Administración Xeral do Estado recomenda incluír "cláusulas para o cumprimento do principio de igualdade de xénero en materia de contratación pública".
Os parlamentarios socialistas reclámanlle así á Xunta que "supervise o cumprimento do principio de igualdade no desenvolvemento dos programas formativos" coma este, que está subvencionado con fondos Next Generation da Unión Europea.
Relacionadas:
-
A Federación pola Igualdade das Mulleres presenta un cubrevasos contra a submisión química
Por Redacción |
-
Repaso á relación entre a muller e o mar a través da tradición e os labores pesqueiros
Por Redacción |
-
Aberta a inscrición para participar no programa Galegas Dixitais en Marín
Por Redacción |
-
Críticas á Xunta por repartir "a dedo" os concertos do Xacobeo
Por Redacción |