Críticas á Xunta por repartir "a dedo" os concertos do Xacobeo
Por Redacción
Críticas do PSdeG-PSOE provincial ante a forma "partidista" da Xunta de Galicia para repartir "a dedo" as actuacións musicais do Xacobeo.
Desde o partido socialista indican que estes concertos "non poden ser outra forma ferramenta partidista máis da Xunta de Galicia para beneficiar a uns concellos en detrimento doutros". Aseguran que, "por simple hixiene democrática hai que introducir medidas urxentes de transparencia para garantir as mesmas posibilidades de acceso á cultura".
Así o afirma o secretario xeral provincial socialista, David Regades, ante o que está a suceder coa programación musical do Xacobeo en Pontevedra. Para el, afloran as actuacións "nos concellos que teñen en común a Alcaldía do Partido Popular".
Explica, pola contra, que "tamén se produciron actuacións noutros concellos de signo socialista ou nacionalista" pero neste caso "normalmente encádranse coa participación do Xacobeo en festivais xa existentes. En todo caso, o que esiximos é transparencia e igualdade de oportunidades para que os concellos poidan solicitar os concertos do Xacobeo cun procedemento regrado".
É por iso que o socialista invita ao presidente da Xunta de Galicia a "copiar directamente as bases do programa Musigal da Deputación de Pontevedra", que este ano fai posible 57 concertos musicais de grupos profesionais noutros tantos concellos.
"O resultado está á vista: 57 concertos da Deputación noutros tantos concellos e nunha provincia con 59 municipios de menos de 50.000 habitantes; pode dicir o mesmo a Xunta cos concertos do Xacobeo?", pregunta David Regades ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao cal esíxelle que "habilite a fórmula administrativa para que os concellos poidan solicitar estes concertos, pagados con cartos públicos, e que deixen de repartirse ao capricho do PP para facerlle campaña aos seus alcaldes e alcaldesas".
Entiende Regades que "a contratación dos artistas internacionais para os concertos nas grandes cidades é máis complexa, pero as actuacións que se están a repartir polos pequenos e medianos concellos son moito máis previsibles e, de feito, moitos dos grupos que participan no Xacobeo 2022 coinciden cos que se presentaron á convocatoria do Musigal 2022".
Finalmente, o secretario do PSOE recorda que "o acceso á cultura en condicións de equidade é un dereito de toda a veciñanza da provincia" e engade que "son moitos os pobos que teñen festas que inclúen espectáculos musicais nos que só contan co apoio do Musigal da Deputación, sen esperanza ningunha de que a Xunta lles dea a sorpresa dunha actuación do Xacobeo".
Relacionadas:
-
Os socialistas critican que a Xunta imparta un curso para mulleres unicamente con profesores homes
Por Oskar Viéitez |
-
"Habrá más sorpresas" para Pontevedra cos concertos do Xacobeo
Por Alejandro Espiño |
-
Cepeda, o concerto 'xacobeo' en Sanxenxo: o 3 de setembro, xunto a Antía Muíño
Por Alejandro Espiño |
-
Un incombustible Víctor Manuel amplía un día máis as Festas da Peregrina
Por Redacción & Cristina Saiz |