Cubela recibe ao voluntariado do IX Campo de Traballo Internacional
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, recibiu este venres no Consistorio ao voluntariado do IX Campo Internacional de Traballo que se atopan no municipio desenvolvendo un proxecto sobre arte no municipio.
Os participantes permanecerán 15 días realizando esta actividade promovida polo Concello de Cerdedo-Cotobade e na que participa activamente a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.
O proxecto ten como obxectivos o estudio e posta en valor dos elementos artísticos que atesoura o municipio coa intención de preservalos e darlle unha maior visibilidade. Para elo, os traballos que se realicen irán enfocados precisamente a obter os resultados satisfactorios.
Trátase de iniciativas con "moito éxito" que, ademais do "traballo en beneficio da comunidade local, pretenden tender pontes a outras culturas, fomentar a curiosidade polos diferentes pobos, para coñecer e comprendernos mellor", indican desde o Concello.
O alcalde, Jorge Cubela agradeceu a implicación da mocidade a través destes campos de traballo e animou aos voluntarios a continuar a súa estancia no municipio con familiares e amigos "na seguridade de que vos vai quedar aínda moito por descubrir e visitar polo que vos animo a que volvades novamente para seguir explorando os recunchos naturais e o noso patrimonio etnográfico, artístico, arquitectónico e cultura".