Catorce mozos de España, México, Francia e Alemaña 'salvan o mar' en Vilanova de Arousa
Por Redacción
O campo de voluntariado 'Salvemos o mar 3.0: A vista de dron' reúne desde o pasado 4 de xullo en Vilanova de Arousa a 14 mozos de entre 18 e 30 anos chegados desde distintas zonas de España, México, Francia e Alemaña.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou este mércores o campo de voluntariado, cuxos participantes proceden de Galicia, México, Alemaña, Francia, Castela e León, Madrid, Andalucía e Cataluña.
As persoas participantes desenvolven actividades de recuperación ambiental da costa vilanovesa, desde a praia de As Sinas ata o porto do municipio, pasando por distintos enclaves naturais. Tamén teñen ocasión de levar a cabo outro tipo de actividades, como kaiak ou tiro con arco; ademais de visitas a lugares como o Museo do Mar do Grove.
Cristina Pichel destacou a relevancia dos campos de voluntariado para sensibilizar á mocidade sobre distintos temas, á vez que gozan de todas as actividades programadas. Neste sentido, subliñou que as rías galegas son un lugar ideal para concienciar sobre o coidado de nosa contorna natural.
O programa inclúe dúas semanas de actividades, con actuacións para a conservación do litoral da localidade e cunha ampla programación de lecer.
Este campo de voluntariado forma parte da maior campaña de verán posta en marcha pola Xunta, baixo o lema 'O verán que queres contar', que pon ao dispor de mozos de todas as idades máis de 10.800 prazas, 475 delas en actividades como esta.