Retiradas plantas exóticas invasoras na Carballeira de Caldas e na Fervenza de Segade

Por Redacción
Ata 28 especies exóticas invasoras detectáronse entre os 172 elementos naturais presentes na Carballeira de Caldas, a máis importante de Galicia e espazo declarado 'Ben de Interese Cultural'. Por este motivo, o alumnado-traballador do módulo de Forestal e Xardinería do Obradoiro Dual de emprego 'Os camiños do Camiño II' levou a cabo a limpeza destas plantas invasoras.
O biólogo Javier Rodríguez Trindade e o especialista en botánica, Juan Carlos Pérez Moreno, encargáronse de guiar a este alumnado para recoñecer as plantas invasoras e a explicarlles as técnicas para retiralas co obxectivo de promover a expansión das plantas de tipo atóctono propio das carballeiras galegas.
Neste traballo destácase a importancia de presenza de sotobosque porque sen vexetación redúcese a biodiversidade do conxunto desta formación centenaria declarada no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. A actividade centrouse en evitar tamén as rozas indiscriminadas que favorecen a expansión das plantas invasoras, destruíndo a protección da cuberta vexetal que facilita que se manteña a humidade, a fixación de nitróxeno e outros nutrientes, presenza de polinizadores ou a descompactación do solo da zona.
Teresa Varela, docente do módulo destaca a eliminación de forma manual de Tradescanthia fluminensis e o seu posterior secado para evitar o seu rebrote para recuperar varias zonas de Segade. Tamén se retiraron exemplares de robinias, acacias ou crocosmia, entre outras.
Este alumnado-traballador recibiu durante nove meses formación no obradoiro promovido polo Concello de Caldas de Reis e financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta. Agora os participantes afrontan a retirada de plantas de especies exóticas invasoras na leira municipal de Segade e a Carballeira de Caldas, entre outras zonas.
Relacionadas:
-
Caldas dá a benvida ao equipo do seu terceiro obradoiro de emprego
Por Redacción |
-
A ansiada restauración da carballeira e o xardín botánico de Caldas, máis preto
Por Redacción |
-
En marcha un inventario exhaustivo das plantas e flores da Carballeira de Caldas
Por Redacción |
-
Programada outra retirada de plantas exóticas invasoras nos tramos urbanos dos ríos Umia e Bermaña
Por Redacción |
-
O obradoiro de emprego de Caldas de Reis cumpre un trimestre con traballos moi avanzados en Segade
Por Redacción |