A ansiada restauración da carballeira e o xardín botánico de Caldas, máis preto
Por Redacción
O proxecto municipal de restauración do xardín botánico e a carballeira de Caldas recibiu un dos avais que necesitaban para converterse en realidade, o do departamento de Patrimonio Natural da Xunta.
Para a súa aprobación definitiva, só resta o beneplácito da área de Patrimonio Cultural.
O plan de restauración foi redactado en 2021 polo doutor Pedro Calaza, enxeñeiro agrónomo e arquitecto paisajista, actualmente director da Escola Galega da Paisaxe, que previamente realizara unha pormenorizada análise do estado de cada un das árbores do conxunto.
O proxecto supoñerá un investimento de case 648.000 euros nas máis de tres hectáreas que ten todo este conxunto botánico, para o que se solicitará o financiamento correspondente en diversas convocatorias de subvencións públicas.
O plan de restauración prevé recuperar algunhas especies arbóreas que non existen na actualidade no xardín botánico pero que si estaban no pasado, e incrementar a porcentaxe das menos representadas, todo iso co obxectivo de reforzar a biodiversidade.
Ademais, traballarase para recuperar na Carballeira o número de exemplares perdidos ao longo da súa historia, completando as aliñacións orixinais.
Tamén se prevé a mellora integral dos xardíns con céspede e flores do xardín botánico, completando o estrato arbustivo para potenciar o ornato e a composición, para o que se elixiron especies con alto valor cromático atractoras de polinizadores e adecuadas ás condicións do chan e do clima.
O concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, destaca que con este proxecto de restauración integral "vai poñer en valor todo este conxunto histórico e botánico", respectando ao máximo os elementos patrimoniais e paisaxísticos, mellorando o arboledo, os pavimentos, os equipamentos, o mobiliario e os elementos de divulgación.