Caldas dá a benvida ao equipo do seu terceiro obradoiro de emprego
Por Redacción
A terceira edición do obradoiro de emprego "Os camiños do Camiño" púxose en marcha este venres en Caldas coa recepción oficial no salón de plenos do Concello ao novo equipo de traballo por parte do alcalde Juan Manuel Rey e os concelleiros Manuel González e Jacobo Pérez. A actividade formativa comezará o vindeiro luns.
Este terceiro obradoiro de emprego terá unha duración dun ano e serán contratados a xornada completa un total de 20 alumnos-traballadores maiores de 18 anos, e contará cun equipo docente e directivo conformado por un director, unha titora, unha docente de xardinería e forestal, outro docente de albanelería e unha auxiliar administrativa. En total 25 persoas contratadas, que desenvolverán as súas actividades dende o edificio municipal de usos múltiples de Santa María, xunto á Escola de Música.
O alcalde subliñou “a aposta do Concello polo emprego”, e amosou a súa satisfacción porque “vinte veciños e veciñas de Caldas teñan un contrato laboral durante un ano que lles permita contribuír a mellorar a finca municipal de Segade, dende o punto de vista ambiental, paisaxístico e patrimonial, ao mesmo tempo que reciben unha formación que lles procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo”.
Na especialidade de albanelería participarán 5 mulleres e 5 homes, que obterán tres certificados profesionais: operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización; operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas; e fábricas de albanelería.
Pola súa parte, na especialidade de xardinería e forestal participarán 4 mulleres e 6 homes, que obterán tres certificados profesionais: actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería; actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, e actividades auxiliares en aproveitamentos forestais.
A subvención recibida polo Concello para este proxecto da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia é de 504.000 euros, financiada con fondos finalistas transferidos polo Servicio Público de Empleo Estatal, aos que hai que sumar 60.500 euros de aportación municipal. En total, suporá un investimento de 564.500 euros