Programada outra retirada de plantas exóticas invasoras nos tramos urbanos dos ríos Umia e Bermaña
Por Redacción
O concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Caldas de Reis, Manuel González, informou este mércores do proxecto técnico para continuar coa retirada de plantas exóticas invasoras nos tramos urbanos dos ríos Umia e Bermaña que terá un custe total de máis de 66.000 euros.
"Trátase dunha segunda fase dos traballos realizados hai un ano e que xa deron resultados moi positivos na contorna da ponte da Ferrería e do edificio do Concello", destacou González. "O tramo de actuación extenderase nesta fase ao tramo entre a praia fluvial dos Choróns e o lavadoiro do Umia ata a desembocadura do Bermaña na Tafona, e o tramo urbano do río Bermaña ata a N-550".
Con este proxecto realizaranse diversas operacións de conservación fluvial mantendo a vexetación de ribeira pero eliminando as especies exóticas invasoras.
Realizaranse rozas, rareos e cortas selectivas, respectando a presenza do substrato herbáceo e arbustivo, así como os exemplares novos de especies arbóreas que permitan a renovación do bosque de ribeira. Estarán contempladas tamén actuacións de eliminación de acúmulos de matogueiras e de restos vexetais, así como de madeira morta que poidan producir unha sobre elevación puntual da lámina de auga en caso de enchentes.
As tarefas de carácter preventivo e correctivo estarán encamiñadas a facilitar o libre discorrer das augas, así como a acadar as condicións naturais dos ecosistemas acuáticos, que favorezan os aspectos ambientais da contorna fluvial.
As especies exóticas invasoras son especies foráneas introducidas de maneira artificial e que despois de certo tempo conseguen adaptarse ao novo medio e colonizalo. Supoñen unha ameaza para a biodiversidade debido aos impactos que causan sobre as especies autóctonas, xa sexa por depredación, competencia, hibridación, ou introdución de enfermidades e parásitos. Entre as especies invasoras máis destacadas e identificadas nos ríos Umia e Bermaña destacan a Ipomea índica, Tradescantia fluminensis, Bidens sp, Acacia melanoxylon, Egeria densa e Persicaria capitata, entre outras.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, sinalou que o Concello está a solicitar as autorizacións sectoriais e tamén diversas subvencións á Xunta de Galicia e outras institucións para executar os traballos ao longo deste ano.
Relacionadas:
-
A Universidade de Santiago deseña unha proposta para controlar e reducir as plantas invasoras no río Umia
Por Redacción |
-
Retiradas plantas exóticas invasoras na Carballeira de Caldas e na Fervenza de Segade
Por Redacción |
-
Primeiras actuacións confirmadas para A Revolta do Umia
Por Raquel Currás Martínez |
-
A quinta edición de "Voando nas Rías Baixas" incluirá sete roteiros guiados para a observación de aves
Por Oskar Viéitez |