Protesta contra o peche do estacionamento do peirao da Canteira
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, acompañado por integrantes do Goberno municipal, encabezou a mobilización celebrada este martes no peirao da Canteira de Combarro para esixir á Xunta de Galicia que modifique o calendario da obra do novo emisario, evitando deste xeito "un grave prexuízo" para a veciñanza e os sectores económicos principais da zona.
Na súa intervención, Sobral deixou claro de novo que "seguiremos a insistir para que a Xunta cambie os tempos da actuación, porque consideramos que son moi desafortunados". Ademais, incidiu no feito de que o Concello non se opón "a unha obra tan necesaria coma a do emisario, pero entendemos que hai que estudar alternativas para que o impacto na actividade na contorna sexa o menos grave posible".
O alcalde Sobral lembrou tamén que desde a Xunta informaron ao Concello destes traballos "apenas uns días antes de que comezasen" e recalcou a necesidade de revisar opcións como que os traballos se desenvolvan desde o porto de Marín ou se pospoñan ata setembro.
Precisamente, o Goberno local mantivo este martes unha reunión con representantes do sector pesqueiro e bateeiro de Poio, no que os representantes destas agrupacións confirmaron que non terían inconvinte en que as devanditas obras se realizasen unha vez rematada a tempada estival.
O PSDEG-PSOE FALA DE "GOLPE MORTAL"
O voceiro socialista de Poio Gregorio Agís saiu ao paso das afirmacións realizadas pola conselleira do Mar sobre as obras no peirao da Canteira, en Combarro. Agís insiste na necesidade de buscar alternativas de xeito de que a Xunta "asuma as súas consecuencias sen asestar un golpe mortal de necesidade á actividade económica e á dinamización da hostalería, o comercio e a calidade de vida da veciñanza de Combarro".
Neste sentido, a Agís parécenlle moi graves as afirmacións realizadas pola titular de Mar cando di que o Concello tiña coñecemento destas obras. "Ao Concello se lle notifica a actuación apenas uns días antes do seu comezo, sen posibilidade de buscar outras alternativas. A Xunta nin sequera contempla a opción de pospoñer a obra uns meses, ata pasado agosto, algo co que estarían de acordo os sectores que viven do mar, como as cofradías e os bateeiros, tal e como nos aseguraron na reunión que tivemos este martes os membros do Goberno local con representantes destes colectivos", sinalou o voceiro do PSdeG-PSOE.
Ademais, o voceiro socialista reprocha á conselleira de Mar que "fale das competencias do Concello en materia de aparcamento, cando ela sabe perfectamente que en numerosos portos galegos se permite o uso de espazos portuarios durante o verán. Sucede no Grove, en Sanxenxo e en moitos outros concellos, non é un caso único de Combarro. Semella que o único que lle interesa á señora conselleira é botar balóns fóra, porque é consciente do malestar que está a provocar entre a veciñanza esta actuación non pola súa natureza, xa que a obra do emisario é moi necesaria e levamos décadas esperando senón polos tempos escollidos, polas formas e pola nula antelación coa que se anunciaron estes traballos".
Por último, Agís reta á Xunta de Galicia a que "non se contradiga", xa que "por un lado falan das competencias do Concello en materia de aparcamento, pero, por outro, bloquean os proxectos contemplados para dotar de espazos para estacionar para residentes no Paseo das Redeiras, que é de titularidade de Portos e que levan meses sen dar resposta á solicitude feita desde a Administración local".
RESPOSTA DO PP
O portavoz do PP de Poio, Ángel Moldes acudiu xunto a membros do Grupo Municipal á concentración para a reapertura da explanada da Canteira "para mostrar o noso apoio aos veciños de Combarro, en ningún caso para apoiar ao Tripartito, que son os responsables exclusivos da falta de estacionamento en Combarro e no resto de Poio".
Moldes subliña que os sucesivos Gobernos de BNG, PSOE e Avante Poio "non fixeron nada para crear estacionamento e agora pretenden tapar esa falta de xestión co peche da explanada para unhas obras necesarias para o sector do mar".
Recorda o PP leva anos denunciando os problemas de estacionamento e propoñendo solucións serias e viables, "fronte a un Tripartito que só sabe confrontar e botar balóns fóra en lugar de asumir as súas responsabilidades". Moldes sentencia: "os Tres Alcaldes son moi bos montando manifestacións pero moi malos solucionando problemas e o estacionamento é unica e exclusivamente da súa competencia"
Relacionadas:
-
Plan B en Combarro para os buses turísticos: "A Xunta non é consciente do dano económico e social que está causando"
Por Redacción |
-
Habilitan un segundo aparcamento público no Camiño Real de Combarro
Por Redacción |
-
Portos rexeita a proposta do Concello de Poio de usar o paseo das Redeiras como aparcamento
Por Oskar Viéitez |
-
A Consellería do Mar sinala que foi o Concello de Poio o que non resolveu o déficit de aparcamento en Combarro
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O BNG pide "un esforzo" á Xunta para buscar alternativas a ocupar o porto de Combarro
Por Redacción |
-
Convocada unha protesta para reclamar a apertura da explanada do peirao da Canteira
Por Redacción |