Comeza o despregamento policial ante o inicio da época de alto risco de incendios forestais
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A partir deste venres 1 de xuño comeza a etapa de catro meses considerados como época de alto risco de incendios forestais e con tal motivo as Policías Autonómica e Nacional, a Garda Civil e o Exército despregaranse de xeito planificado por toda a provincia de Pontevedra para realizar labores de vixilancia, prevención e control fronte aos lumes.
O edificio administrativo da Xunta en Pontevedra acolleu este martes a reunión do Comité Provincial de Coordinación Policial contra os Lumes Forestais 2022, que abordou o plan operativo nesta materia, baixo a presidencia dos delegados territoriais de Pontevedra e Vigo, Luis López e Marta Fernández-Tapias.
Ao encontro tamén asistiron representantes da Subdelegación do Goberno, Policía Nacional, Garda Civil, o Servizo de Protección da Natureza (Seprona), o Exército de Terra, a Policía Autonómica, os servizos provinciais de Emerxencias e Medio Rural e os responsables de distritos forestais, entre outros.
Luis López detallou que aos 1.200 efectivos e cen vehículos que se despregarán por toda a provincia este verán, "engadimos un operativo de seguridade e vixilancia transversal e de primeira orde", coa participación de todas as forzas e corpos de seguridade.
Esta acción policial contra os lumes forestais complétase cun operativo na provincia, por parte da Xunta de Galicia, de 1.188 efectivos, 98 vehículos, entre os que figuran catro helicópteros, dez puntos de vixilancia fixa, 1.180 puntos de recollida de auga, 26 cámaras de videocontrol nas 13 localizacións máis conflitivas e estratéxicas e case 5 millóns de euros xa investidos en accións de prevención tradicionais, como cortalumes, devasas, pistas forestais ou faixas secundarias, entre outras.
A reunión deste martes serviu para deixar "completamente engraxado" todo este operativo "tras varias semanas de traballos previos de coordinación", sinalou Luis López.
Segundo quedou establecido, a Policía Nacional, coa colaboración do corpo autonómico, encargarase da vixilancia nesta materia nos municipios de Pontevedra, Marín, Vigo e Vilagarcía de Arousa, mentres que a Policía Autonómica terá presenza en ata 27 concellos para estas tarefas con axentes en Lalín, Silleda, a bisbarra do Salnés, a subzona do Baixo Ullán, Poio, Vilaboa, Caldas de Reis, Portas, a zona norte do Condado-Paradanta e Mos.
Os restantes 34 concellos da provincia de Pontevedra corresponderanlle á Garda Civil, aínda que no caso dos nove municipios das bisbarras do Condado e A Paradanta, que é a contorna máis complexa da provincia nesta materia, haberá un importante reforzo con patrullas terrestres do Ministerio de Defensa.
Nesta ocasión determináronse como zonas de especial vixilancia, tras un exhaustivo estudo previo, as parroquias de Ventosa (Agolada), Dozón (Dozón), Mouretán (Arbo), Tortoreos (As Neves), Godóns (Covelo), Filgueira (Crecente), Guillade e Moreira (Ponteareas), o municipio de Salvaterra, Torneiros (O Porriño), San Xurxo (Salceda de Caselas), Goián (Tomiño), Xesta e Xende (A Lama), Corredoira (Cerdedo-Cotobade) e o monte Xiabre, limítrofe entre Caldas de Reis, Catoira e Vilagarcía de Arousa.
Relacionadas:
-
A UME instala a súa base en Figueirido para ser "punta de lanza" contra os incendios en Galicia
Por Redacción |
-
Comeza a época de alto risco de incendios forestais
Por Redacción |
-
Unha rede de 26 cámaras 'espía' o monte pontevedrés para loitar contra os incendios
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Todos os concellos da provincia agás Cuntis, Moraña, Campo Lameiro e Ribadumia son zonas de alto risco de incendios
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |