Haberá máis efectivos policiais en Sanxenxo durante un verán que as autoridades prevén "intenso"
Por Redacción
O habitual reforzo da seguridade que cada verán o Goberno aproba para o municipio de Sanxenxo será aínda maior este ano e manterá o apoio dunha patrulla da Garda Nacional Republicana, a garda militar portuguesa.
Así o anunciou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, tras a celebración da Xunta Local de Seguridade na que, ademais do alcalde, Telmo Martín, participaron os principais mandos policiais da provincia de Pontevedra.
O número de efectivos da Garda Civil, detallou Larriba, reforzarase "de maneira moi importante" e cun número superior de axentes ao de anos anteriores, para atender "da mellor maneira posible" as necesidades de seguridade de cidadáns e visitantes.
Mentres que en anos previos o máximo reforzo do corpo no verán producíase coa incorporación de dez efectivos, neste 2022 incrementarase con máis de catorce novos axentes, debido a que as previsións auguran un verán "moi intenso". A eles sumaranse os 35 axentes auxiliares cos que o Concello reforzará a Policía Local este verán.
Ao ser Sanxenxo un municipio no que veranean moitos cidadáns portugueses, unha patrulla da Garda Nacional Republicana portuguesa terá unha presenza "permanente" durante os meses de xullo e agosto para atender aos seus compatriotas.
Na Xunta Local de Seguridade tamén se analizaron os datos relativos a tráfico onde o número de accidentes rexistrados no que vai de 2022 "non é significativo", segundo recoñeceu a subdelegada do Goberno.
A pesar diso, a Garda Civil de Tráfico tamén reforzará a súa presenza en Sanxenxo, especialmente nas inmediacións do seu centro urbano, para favorecer a fluidez da circulación e a seguridade viaria ou realizar controis de alcol e drogas.
Con respecto aos datos de criminalidade nos catro primeiros meses de ano, Maica Larriba indicou que revelan "como en todo o país" un lixeiro incremento das infraccións por delitos de lesións, liortas e pequenos altercados "que antes apenas se denunciaban e que agora se observa que se denuncian máis".
Isto, xunto á volta á normalidade social tras a pandemia, "está a facer subir as estatísticas", segundo a subdelegada, que matizou que o incremento nas infraccións é de apenas un 12%, polo que Sanxenxo "segue sendo un municipio moi seguro".
A subdelegada do Goberno tamén apuntou que os ciberdelitos e as estafas na rede continúan supoñendo o 25% dos delitos rexistrados, unha cifra máis baixa que a media provincial, aínda que se prevé que creza coincidindo co período vacacional de verán.
Durante esta reunión, tamén se abordou a seguridade marítima e a necesidade dunha especial vixilancia para garantir a convivencia segura entre nadadores e vehículos de motor na lámina de auga.
Relacionadas:
-
Tráfico impartirá educación viaria para maiores en Carballedo, Cerdedo e Tenorio
Por Redacción |
-
Sanxenxo quenta motores para converterse por dez días na capital mundial da vela
Por Redacción |
-
618 persoas aspiran aos 129 postos de auxiliares de Policía Local ofertados este verán para as poboacións turísticas
Por Diana Eiras & Anxo Lourido |