Tráfico impartirá educación viaria para maiores en Carballedo, Cerdedo e Tenorio
Por Redacción
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT), levará a cabo unhas xornadas sobre educación viaria especialmente dirixidas a persoas maiores, con contidos especificamente deseñados e dirixidos a este colectivo, que se desenvolverán en Carballedo o 10 de xuño, en Cerdedo o 17 deste mesmo mes e en Tenorio o 1 de xullo.
Estas xornadas estarán impartidas por persoal da área de Educación Viaria da Xefatura Provincial de Pontevedra, en colaboración con axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil, facendo unha especial incidencia sobre condutas seguras de peóns tales como o xeito en que se deben cruzar as vías, por zonas accesibles, sen desniveis, en lugares con boa visibilidade e, de existir, en espazos especificamente habilitados para iso.
Outro dos elementos que serán abordados polo persoal da DXT estará adicado ao transporte infantil centrando as súas explicacións na seguridade no interior do vehículo, no uso axeitado do cinto e sistemas de retención infantil.
Tamén se analizarán as medidas de seguridade e precaucación que debemos adoptar nos desprazamentos a pé e o acompañamento seguro aos menores. Ademais, falarán da influencia dos medicamentos nos desprazamentos.
Outro dos aspectos que serán obxecto destas charlas serán as viaxes seguras en transporte público, sobre todo o relativo á importancia do uso do cinto de seguridade no autobús.
Finalmente, os especialistas en educación viaria da Xefatura Provincial da DXT aproveitarán estas xornadas para informar sobre a importancia do uso axeitado dos chalecos reflectores para os peóns nos seus desprazamentos a pé.
Así, farán fincapé dun xeito moi especial na importancia e a incidencia no uso de chalecos reflectores nos desprazamentos a pé sobre todo en vías interurbanas ou secundarias onde é habitual que os veciños vaian camiñando por elas e deben ir convenientemente visibilizados para evitar atropelos ou accidentes na coincidencia na mesma vía do paso de todo tipo de automóbiles.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, valorou moi positivamente a colaboración do seu Concello coa DXT e animou á veciñanza a asistir a estas xornadas polo valor na prevención de accidentes que este tipo de iniciativas teñen para os peóns e salientou a necesidade de incrementar a concienciación veciñal sobre a importancia de coñecer e manter as medidas de seguridade vial dentro das condutas habituais nos desprazamentos.
Relacionadas:
-
"Boa sintonía" entre administracións para 'poñer couto' ao tráfico de paso en Leborei
Por Alejandro Espiño |
-
Unha colisión dun turismo cun patinete deixa dous menores feridos en Cambados
Por Redacción |
-
Haberá máis efectivos policiais en Sanxenxo durante un verán que as autoridades prevén "intenso"
Por Redacción |
-
Denuncian un home por insultar en Instagram á Policía Local e a Garda Civil e difundir imaxes dos axentes
Por Redacción |
-
Tráfico lanza unha campaña en Galicia centrada na seguridade de peóns, ciclistas e motoristas
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |