Sanxenxo quenta motores para converterse por dez días na capital mundial da vela
Por Redacción
Os preparativos para a celebración da sétima edición da Regata Rey Juan Carlos, do venres 10 ao domingo día 12, e da Xacobeo 6mR Worlds, o Mundial da clase 6 Metros, que se celebrará entre o 13 e o día 18 de xuño; xa comezaron en Sanxenxo.
A actividade comezará coa regata que supón a cuarta serie da Copa de España e que será o preludio do campionato mundial que traerá á vila turística a 41 equipos de 15 países.
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, está convencido de que tanto participantes como visitantes van vivir unha quincena excepcional. "Sanxenxo está encantado e afeito acoller campionatos de vela de máxima categoría. Queremos dar a benvida aos equipos dos 15 países que participan e esperamos que, ademais de regatear, poidan gozar da nosa gastronomía e paisaxe", dixo o rexedor.
Pola súa banda, o presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo, Pedro Campos, quixo resaltar o traballo que o club leva facendo nos últimos anos. "Achégase por fin o gran momento que levamos esperando desde hai varios anos e que converterá Sanxenxo nos próximos días no centro da vela mundial".
"Tentaremos repetir, e mesmo superar, os grandes éxitos alcanzados nos Campionatos de España e de Europa dos dous últimos anos. Os mellores regatistas do mundo daranse cita nas nosas augas para alcanzar algúns dos numerosos trofeos en xogo", dixo o representante do RCNS, que tamén participará na competición a bordo do Bribón 500 e márcase "como o noso gran reto revalidar o dobre título mundial conseguido en Canadá e en Finlandia".
Sanxenxo ten a particularidade de que o seu porto deportivo é público e o acceso é libre para calquera visitante, por iso o presidente do Real Club Náutico puxo moita énfase na información de cada un dos barcos desde os peiraos. “Quero animar a todo o mundo a que se achegue estes días por Sanxenxo, en cuxo porto deportivo, poderán ver en directo toda a frota tanto de modernos como de clásicos”, afirmou.
Pola súa banda Nava Castro, como directora de Turismo da Xunta de Galicia, fixo fincapé na referencia que é Galicia para as grandes citas da vela. "A nosa comunidade volve ser protagonista dunha das grandes citas mundiais deste deporte. E é que elixir Galicia como lugar de celebración é unha aposta segura xa que, debido ás fantásticas condicións das nosas augas, estou segura de que conseguiremos unha proba espectacular tanto para os participantes como para os espectadores", rematou.
Relacionadas:
-
A frota retoma a pelexa polo título da Xacobeo 6mR Worlds
Por Redacción |
-
A falta de vento frea a competición no Xacobeo 6mR Worlds
Por Redacción |
-
Sanxenxo levanta o pano do mundial de vela da clase 6 metros
Por Redacción |
-
Haberá máis efectivos policiais en Sanxenxo durante un verán que as autoridades prevén "intenso"
Por Redacción |
-
O Bribón 500 e Stella gañan o Trofeo InterRías da Copa de España de vela
Por Redacción |
-
Unha regata cun ollo posto no rei emérito e outro no Mundial do mes de xuño en Sanxenxo
Por Diego Espiño |