O Revitaliza atopa modelos máis baratos, máis efectivos na reciclaxe e con creación de postos de traballo
Por Redacción
A comitiva do Plan Revitaliza que está a realizar a viaxe formativa sobre modelos de xestión de lixo en País Vasco, Navarra e Cataluña traerá á provincia varios exemplos innovadores e de éxito.
Cada xornada hai novas variantes e este martes coñecéronse os exemplos de Itzasondo, Zaldivia e da comarca de Sangüesa, que coinciden en ser máis baratos que os tradicionais, máis efectivos para a reciclaxe, e creadores de postos de traballo.
No caso de Zaldivia, unha localidade de 1.500 habitantes, o concello recoñeceu ter pasado por sete sistemas diferentes para mellorar a reciclaxe e tratar os biorresiduos.
A evolución permitiu ir aumentando taxa de reciclaxe aos poucos e nestes momentos, dende 2014 o sistema elixido e máis efectivo é o 'Porta a Porta'. A alcaldesa Esititxu Mujika, subliñou que ese método permitiu chegar case dende o inicio ao 80% da recollida selectiva. O tenente de alcalde Mikel Luloaga engadiu que o obxectivo próximo será o pago por xeración.
Ambos explicaron que a chave está en apostar pola compostaxe dos biorresiduos e controlar a fracción resto a través dunha recollida que permite vixiar como se comporta a veciñanza á hora de depositar os seus residuos. Nestes momentos o 'Porta a Porta' estase a facer a través de caldeiros que permiten contabilizar o que xera cada familia a través dunha técnica bastante sinxela: unha pulseira que le o contido de cada cubo por parte dos operarios municipais. Nas zonas máis diseminadas os elementos de ancoraxe dos cubos para facer as achegas –que nas zonas urbanas son simples columnas- son casetas de madeira moi discretas que apenas distorsionan a paisaxe.
Pola súa parte, no concello de Itsasondo o 100% dos biorresiduos trátanse a través de composteiros comunitarios e puntos de achega para as vivendas dispersas. O resto das fraccións recóllense mediante o sistema 'Porta a Porta' Ao non ter que retirar a fracción orgánica foi posible aforrar un gasto dos orzamentos municipais que alcanza os 16.000 euros anuais, o que permitiu a contratación de persoal para realizar labores técnicas.
Por outra parte, nesta vila tamén idearon diferentes máquinas propias que permiten mellorar o compost que se obtén nos centros de compostaxe comunitaria. Tendo en conta que hai varios establecementos de hostalería que utilizan as instalacións, en moitos casos hai ósos de carne, por exemplo, que non se poden aceptar no compost: alí creouse unha máquina que separa estes elementos e os tritura para despois facer unha achega de calcio á terra na que se utilicen. Este sistema podería trasladarse a Galicia, segundo os seus creadores, para as cunchas de moluscos.
Finalmente, na última visita da mañá de hoxe, a comitiva pontevedresa visitou a planta de agrocompostaxe 'Josenea-Bio', a primeira planta de agrocompostaxe municipal de Navarra onde usan compost da recollida de orgánica na zona nas súas instalacións de produción de flores para xerar postos de traballo en inclusión social.
Segundo explicou o xerente da planta, Jesús Cia, trátase dunha iniciativa en cooperación coa Universidade Pública de Navarra, un proxecto piloto que pretende a xestión e aproveitamento local de residuos orgánicos desde unha perspectiva circular e social, xa que "é unha oportunidade para o desenvolvemento económico, social e ambiental do medio rural, e para alcanzar os novos obxectivos lexislativos da Economía Circular sobre biorresiduos".
'Josenea Bio', dixo Cia Asensio, é un proxecto piloto quere aproveitar unha oportunidade na comarca de Sangüesa (Navarra) mediante un modelo de aproveitamento material de biorresiduos xerados na mancomunidade "que está baseado nas persoas e nas tecnoloxías sinxelas, pero seguras e robustas. Á súa vez é un proxecto que aproveita as sinerxias xurdidas entre as políticas sociais e ambientais".
"Esta experiencia serve como laboratorio para investigar o modelo a escala real, para estudar o seu funcionamento, para divulgalo e para capacitar profesionalmente a persoas que o poidan implementar noutras comarcas", apuntou.
Relacionadas:
-
Mosquera cualifica de "revolución" o contido da nova Lei sobre tratamento de residuos que prohibe as queimas agrícolas
Por Anxo Lourido |
-
A cidade de Porto e a Universidade de Lyon aprenden do Revitaliza como modelo de xestión de residuos
Por Redacción |
-
Vilagarcía e O Grove estudan aplicar a recollida de residuos 'porta a porta' aos produtores singulares
Por Redacción |
-
A comitiva do Revitaliza coñece as dificultades de implantar o sistema 'Porta a porta' de recollida de residuos
Por Redacción |
-
Recollida diaria do lixo ou marcar días na semana para tirar as diferentes fraccións de residuos?
Por Redacción |
-
Os concellos do Plan Revitaliza descobren en Euskadi e Navarra novas experiencias de compostaxe
Por Redacción |
-
Unha comitiva provincial viaxa a Cataluña, País Vasco e Navarra para aprender dos seus sistemas de recollida de residuos
Por Redacción |
-
Dezaseis concellos da provincia participan na viaxe do Plan Revitaliza a Cataluña, País Vasco e Navarra
Por Redacción |