A Orquestra Panorama actuará este sábado na Festa da Primavera de Caldas
Por Redacción
Desde este venres 6 de maio ata o domingo 8, o municipio de Caldas celebra a denominada 'Festa da Primavera'. Será no recinto municipal da Tafona, na contorna dos ríos Umia e Bermeña ao seu paso polo centro da vila.
A partir das 22.30 horas deste venres, as orquestras América de Vigo e Os Alkar's ofrecerán música animada na verbena. O sábado chegará o principal atractivo destas festas a través da orquestra Panorama e da Discoteca A Gramola, tamén a partir das 22.30 horas.
O domingo está prevista unha xornada destinada ao público infantil con prezos populares en todos os carruseis das atraccións. Para as tres xornadas estableceranse áreas de aparcamento en diversas entradas de Caldas. O aparcamento da Tafona dedicarase totalmente a acoller os escenarios para a celebración das verbenas.
Con motivo desta convocatoria, o Concello reforzou os servizos municipais de Obras, Limpeza e Policía local coa intención de atender ás necesidades do público asistente que, segundo a organización, será de miles de persoas durante os tres días.
As agrupacións de Protección Civil de Caldas, Cuntis e Portas tamén colaborarán nun operativo especial de seguridade.