A orquestra Panorama, atractivo principal do Cuntis Fest o venres 3 de xuño
Por Redacción
O Concello de Cuntis deseñou un novo evento musical co que busca dinamizar a vida cultural e lúdica no municipio. Trátase do Cuntis Fest, un festival que este ano celebra a súa primeira edición o venres 3 de xuño diante do pavillón municipal.
Nesta primeira edición, a orquestra Panorama será a actuación estelar. A cita empezará a partir das 21.30 horas co grupo Ritmo Joven e logo será a famosa orquestra a que suba ao escenario.
Segundo destacan desde o Concello, a Panorama chegará a Cuntis con moitas ganas de ofertar boa música, espectáculo e diversión, recuperando o ritmo verbeneiro que freou a pandemia.
O alcalde, Manuel Campos, confía en que o evento, que tivo que suspenderse o ano pasado pola situación sanitaria, contribúa a que o sector hostaleiro rexistre unha fin de semana activa e dinámica.
Campos convida a veciños e veciñas da contorna a aproveitar este festival para descubrir a oferta gastronómica e de tapas que oferta a hostalaría do municipio.
Ademais, recoñece que lle gustaría que este evento servise tamén para que as familias, parellas ou grupos de amigos planificasen unha fin de semana no municipio, "para bailar coa Panorama; comer e durmir aquí, e mesmo facer algunha das rutas que propoñemos desde a Oficina de Turismo para coñecer un pouco máis do noso municipio".