Música, tradición e moita diversión dan forma ao programa das festas de Cuntis
Por Redacción
O Concello de Cuntis ultima os detalles para a celebración das súas festas patronais, que comezarán o vindeiro sábado 13 de agosto e se prolongarán ata o xoves 18 cun programa de actividades pensado para todas as idades, con competicións deportivas, eventos culturais, moita música e sobre todo moita diversión.
O I Serán, ou Encontro Galego de Cultura Popular en Cuntis, dará o pistoletazo de saída á programación das festas patronais. Será o sábado ás 20.30 horas na contorna da piscina e estará introducido polo Grupo de Acordeóns e seguido do Grupo de Música e Baile Tradicional da Agrupación Municipal de Cuntis. Xunto a outros grupos invitados renderán unha homenaxe á música tradicional galega.
Na xornada do domingo terá lugar a IV Carreira de Rolos que este ano inclúe unha modalidade exclusiva para a cativada, que terá un trazado diferenciado. Os participantes, que poden facelo en grupos mixtos de tres persoas, deberán chegar á meta co seu rolo de herba e, de conseguilo, optan a premios que suman 1.200 euros. Para participar é necesaria a inscripción previa a través do número de teléfono 685581962.
O día de Santa María, 15 de agosto, comezará cun disparo de foguetes e pasarrúas a cargo da Banda de Música Municipal de Campo Lameiro ás 11.30 horas e cun desfile de cabezudos acompañados da agrupación folclórica Hai que Roelo. Trala misa solemne que terá lugar ás 12.30 horas haberá un concerto da Banda de Campo Lameiro na Praza das Árbores.
Pola tarde, o protagonismo é para a poboación máis nova coa actuación infantil Os Monifantes na rúa do Balneario ás 18.15 horas, que cederá a remuda ás 19.30 horas ao V Torneo Triangular Concello de Cuntis que enfrentará no campo municipal de A Ran aos equipos Moraña CF, SP A Estrada e Atlético de Cuntis.
A verbena estará amenizada polos grupos Treixadura e Alkar.
A xornada do martes, día de San Roque, comezará cun pasarrúas da Banda de Música Municipal da Estrada, que tamén ofrecerá un concerto ás 13.30 horas na Praza das Árbores, despois da misa solemne. Ás 18 horas terá lugar un campionato de xogos populares no Monumento. A verbena estará amenizada polos grupos Status e Charleston.
O mércores o pasarrúas correrá a cargo da Banda de Música de Marín cun concerto posterior á misa solemne ás 13.30 horas na Praza das Árbores. Ás 19 horas chegarán a Cuntis “Os Bolechas deportistas”, na Praza de Ferrol. A verbena estará amenizada pola orquestra Panamá e o grupo América de Vigo.
O xoves 18, día de San Antón, rematan as festas de Cuntis cun pasarrúas a cargo da Banda Escola de Música Municipal de Vilaboa, encargada do concerto posterior á misa solemne. Pola tarde terá lugar a II Carreira Popular San Antón e a verbena con Solara e Cinema.
A asociación Anedia instalará no pavillón unha mesa informativa sobre a diabete tipo I, para aproveitar a afluencia á convocatoria deportiva para divulgar a necesaria prevención desta dolencia.