O Laboratorio da Infancia xa desenvolveu máis dun centenar de obradoiros e actividades
Por Redacción
O proxecto Laboratorio da Infancia leva realizados máis dun centenar de obradoiros e actividades de educación e concienciación medioambiental, prácticas deportivas, sostibilidade, economía circular e vida saudable co alumnado dos colexios de Pontevedra.
O Laboratorio da Infancia é unha iniciativa impulsada pola Concellería de Educación e enmarcado dentro das accións da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra (Edusi) 'Máis Modelo Pontevedra'.
Os talleres, que se puxeron en marcha a finais do ano pasado, incluíron accións para o alumnado de 1º a 6º de Primaria, con propostas como a cobertura dun tramo do Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Pontevedra; a visita ao Parque Etnográfico das Cabanas Prehistóricas de Outeiro das Mouras (Salcedo); escalada no Pavillón Multiusos da Xunqueira; o Roteiro dos Segredos de Ponte Sampaio; unha ruta polos Muíños do Batán, e a observación de aves nas marismas de Alba.
Asemade, para o treito de 1º, 2º e 3º de Primaria deseñouse un específico de Viaxe no tempo pola ruta de Gatomorto (en Santa María de Xeve), e para o de 4º, 5º e 6º de Primaria un de kaiak no Pontillón do Castro, un de xeocaching na Fracha e unha ruta guiada de interpretación ambiental pola senda do río Lérez.
Tal e como explica o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, a empresa Marexada, encargada da organización destas actividades, xa ten previstas para as vindeiras semanas con data fixa ou pendente de axendar outra vintena de obradoiros e saídas cos rapaces dos CEIP Marcón, Santo André de Xeve, A Xunqueira I, Parada-Campañó, Daría González, Vilaverde-Mourente, San Martiño, Álvarez Limeses, CPR San José e CEP Marcos da Portela.
Ata o de agora, ademais dos centros mencionados, tamén participaron nos talleres do Laboratorio da Infancia os colexios de Cabanas, Froebel, Sagrado Corazón, Marcón, San Benito de Lérez, Ponte Sampaio e A Carballeira.
Entre os obxectivos do Laboratorio da Infancia contémplanse a educación e concienciación ambiental e potenciar os recursos deportivos.
Relacionadas:
-
Un grupo de 70 "peregrinos escolares" do colexio Xunqueira 2 descobren os valores do Camiño a Santiago
Por Oskar Viéitez |
-
Organizan cinco sesións públicas para presentar as conclusións das mesas de traballo do Laboratorio da Infancia
Por Redacción |
-
O colexio de Barcelos estreará a rolda de obradoiros do Laboratorio da Infancia
Por Redacción |
-
O Laboratorio da Infancia programa actividades saudables para escolares
Por Redacción |