O Tribunal de Contas aplaude a implantación da administración electrónica realizada pola Deputación provincial
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra figura no informe do Tribunal de Contas do Estado como a administración destas características, xunto á Deputación de Barcelona, que máis investiu na aplicación da administración electrónica. O deputado de Economía, Carlos López Font, sinalaba este martes que o organismo provincial foi pioneiro no apoio aos Concellos cando en decembro de 2016 puxo en marcha o mecanismo para adaptarse á lei que obriga ao rexistro electrónica fronte ao servizo "de mostrador".
López Font manifestou que a Deputación apostara de forma forte por dixitalizar aos Concellos permitindo que 64 entidades locais da provincia contasen con financiamento do 75% do gasto deste servizo. Desta cifra, 54 son concellos; seis, entidades locais menores; e catro, mancomunidades. Entre os que se incorporaron en 2021 figuran o Concello de Sanxenxo e a Mancomunidade do Morrazo.
Desta forma, durante este período xeráronse máis de 16 millóns de documentos electrónicos; tres millóns de firmas dixitais; 2 millóns de rexistros electrónicos e, en total, 700 expedientes electrónicos con preto de 6.000 persoas usuarias dadas de alta na administración electrónica da Deputación provincial.
O deputado indicou que en marzo de 2020, debido á pandemia, este servizo converteuse en crucial e a aposta realizada previamente permitiu que se mantivese a actividade nos concellos durante estes últimos anos grazas ao módulo de reunións virtuais e retransmisión en directo; e o servizo de cita previa. Impartiuse un módulo de formación destinado a 6.150 persoas para que os municipios puidesen traballar en remoto, indicou López Font.
Grazas a este sistema realizáronse 2.290 reunións dixitais con, entre outras actividades, 189 plenos municipais, 248 Xuntas de Goberno; ou 265 comisións informativas. Tamén se concederon 12.000 citas previas á cidadanía para 10.000 atencións presenciais.
No informe do Tribuna de Contas, órgano fiscalizador, destácase tamén que a Deputación de Pontevedra é unha das tres en España que colabora na implantación de banda ancha nos Concellos; unha das cinco que proporcionaron asistencia a máis do 90% dos concellos de menos de 20.000 habitantes; unha das sete que realizaron informes da implantación da administración electrónica para realizar seguimento; unha das sete con carta de servizos que declaren a avaliación dos compromisos de calidade, de forma que só Barcelona e Pontevedra cumpren con todos os requisitos de calidade esixidos e obtiveron a certificación; tamén cumpre con catro das cinco ferramentas que establece a Lei de procedemento administrativos; atópase entre as 20 entidades que ofrecen asistencia en protección de datos de carácter persoal; e, por último, atópase entre as doce entidades que prestaron asistencia en relación cos servizos públicos habilitados.
López Font explicaba que é "unha satisfacción" aparecer nestas condicións no informe do Tribunal de Contas e sinalou que se están "empezando a recoller os froitos do noso traballo", destacando que a marca da Deputación de Pontevedra é non facer distincións entre os Concellos "porque todos son iguais para nós", apuntou o deputado socialista de Economía e Facenda.
Relacionadas:
-
2,5 millóns para a transformación dixital dos Concellos da provincia
Por Redacción |
-
O Consello de Contas recoñece á Deputación polo seu liderado no impulso á administración electrónica en Galicia
Por Redacción |
-
A Subdelegación ensina aos veciños de Vilaboa a relacionarse coa Administración de forma dixital
Por Redacción |
-
A Deputación de Pontevedra, entre as cinco máis transparentes de España
Por Alejandro Espiño |
-
O PP alega contra o Regulamento de Teletraballo da Deputación e pide que estea máis "pegado á realidade"
Por Redacción |
-
Acordo entre Deputación e Caldas de Reis para implantar a administración electrónica
Por Redacción |