Carmela Silva e Fernández Lores entenden que o cese da comisaria provincial Estíbaliz Palma era "absolutamente obrigado"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
"Cesala era absolutamente obrigado", con esta resposta Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, quixo referirse á destitución de Estíbaliz Palma como comisaria provincial da Policía Nacional de Pontevedra.
O cesamento de Estíbaliz Palma prodúcese despois de que Eldiario.es publicase as palabras da ex comisaria este mesmo mes nun restaurante de Vigo en que dicía en relación co procés que "Hubo 48 horas en que parecía que la Policía Nacional se había transformado y, de repente, violaba, maltrataba y no sé qué cuántas cosas hacía más, que ya les gustaría a algunas que las violara un UIP (antidisturbios)".
Carmela Silva afirma que "non se pode tolerar que as mulleres teñamos que padecer non só as violacións, algo terrible, intolerable, e que teñamos que sufrir tamén este tipo de comentarios. Fíxose o que había que facer", afirmou a preguntas xornalísticas este martes no Concello cando participaba co alcalde de Pontevedra na presentación do libro 'As mulleres que opinan son perigosas' coas xornalistas Susana Pedreira e Diana López.
A presidenta da Deputación indicou que espera que cada vez que haxa un comentario desta gravidade se adopten tamén este tipo de decisións de maneira inmediata e lembrou que aínda hai moitas que non tiveron repercusión.
Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrouse de acordo coa presidenta provincial e explicou que o problema grave é que se trate dunha representante da lei "que ten que evitar que as mulleres non sexan vítimas da violencia". Afirmou que a decisión estaba ben adoptada e que esperaba que non se volva a producir especialmente entre membros das forzas e corpos de seguridade.
Carmela Silva tamén se referiu á necesidade de modificar a lei de violencia de xénero en relación co caso da moza Jéssica Méndez, falecida en Barro despois de que o seu presunto acosador impactase o seu vehículo contra o dela. "Os asasinatos de violencia machista non só se exercen coa parella. Eu non teño ningunha dúbida. É unha noxenta violencia machista", argumentou a presidenta da Deputación ao referirse ao suceso de Barro.
"Non hai semana onde as mulleres non teñamos que sufrir estas violencias terribles", alegou para avanzar que "estou farta de hipocrisías" criticando a aquelas persoas que non defenden que haxa unha violencia que se exerce contra as mulleres por ser mulleres e que falan de "violencia intrafamiliar". A estas persoas acusounas de ser "tan machistas como os máis machistas" e expuxo que estes actos contra as mulleres teñen que ver coa negación da violencia machista e "estamo fartas as mulleres que o padecemos".
Relacionadas:
-
A subdelegada destaca que as declaracións de Estíbaliz Palma "no son compartidas por los Cuerpos y Fuerzas de Seguridad del Estado"
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía cesa á comisaria provincial por dicir: "Ya les gustaría a algunas que las violara un UIP"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
VÍDEO.- Prisión para o homicida de Barro, recibido a gritos no xulgado: "Justicia por Jessica, por favor"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
"O teu nomeamento como comisaria de Pontevedra ten moito máis valor que 400.000 discursos"
Por Redacción |
-
25N | Maica Larriba pide condenar actitudes, prácticas e condutas que consenten a violencia á muller
Por Redacción |
-
Pontevedra xa ten oficialmente a primeira muller comisaria da Policía Nacional de Galicia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |